O avance nas obras de mellora de seguridade da estrada AC-934, en Sobrado, permitirá telas rematadas este ano para facilitar a mobilidade dos condutores e dos peregrinos

A Xunta inviste máis de 1,6 M€ millóns de euros neste proxecto para acondicionar 4,5 km da vía entre o límite coa provincia de Lugo e o cruce de Abeleiras

Na actualidade está a colocarse o valo de madeira no treito coincidente co Camiño de Santiago do Norte, para a continuación estender o chan e instalar os sinais

Amplíase ata os 8 metros o ancho da vía, rectifícanse as curvas de raio máis reducido e mellóranse os cruces, con semiglorietas e carrís de aceleración

Esta intervención forma parte dos investimentos que está a facer o Goberno galego de cara ao Xacobeo 2021

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2020

O avance nas obras de mellora de seguridade na estrada AC-934, en Sobrado, permitirá telas rematadas este ano e mellorar desa forma a mobilidade dos condutores e peregrinos nesta contorna.

A Xunta inviste máis de 1,6 millóns de euros neste proxecto que comprende o acondicionamento do tramo de 4,5 quilómetros da estrada que transcorre integramente por este termo municipal, entre o límite coa provincia de Lugo e o cruce de Abeleiras.
O bo ritmo dos traballos, iniciados en novembro, fan prever que se poidan rematar as obras en menor tempo do previsto, estimado inicialmente nuns 18 meses.

Actualmente estase a colocar xa o valo de madeira no treito da estrada coincidente co Camiño de Santiago do Norte, para a continuación estender o chan e instalar a sinalización vertical, o balizamento e defensas e, por último, o estendido de capa de rodadura e pintura.

A obra suporá unha importante mellora da seguridade desta estrada, coa ampliación da calzada para acadar un largo de plataforma de 8 metros, con características xeométricas similares ás do treito mellorado na provincia de Lugo. Ademais, realizouse a rectificación das curvas de menor raio, garantindo en todo o treito un raio mínimo de 50 metros.

A intervención supón a rehabilitación estrutural de todo o firme e na travesía de Vilariño-O Mesón inclúe a extensión dunha nova capa de rodada, ademais da ordenacións dos aparcadoiros.

Tamén se melloran as principais interseccións coas vías locais, coa creación de cuñas de cambio de velocidade e semiglorietas para facilitar os cambios de sentido.

Trátase dunha estrada que coincide co Camiño de Santiago do Norte, concretamente da Ruta da Costa, polo que o proxecto en execución inclúe as medidas necesarias para garantir a seguridade dos peregrinos.

Así, no treito en que a vía coincide coa Ruta Xacobea, constrúese unha senda de aproximadamente 3 quilómetros de lonxitude, desde o límite coa provincia de Lugo ata a entrada na travesía de Vilariño- O Mesón, que xa conta con beirarrúas e onde o Camiño se afasta da estrada autonómica.

Esta actuación forma parte dos investimentos que está a realizar a Xunta de cara a chegar o mellor preparados posible ao Xacobeo 2021 e permite mellorar a seguridade viaria e a comodidade na circulación dos usuarios, favorecendo a preparación do Camiño de Santiago.