A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade manterá esta semana videoconferencias coa directora de Calidade de Vida da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea e co director adxunto na Dirección Xeral de Política Rexional

A Xunta trasladará á Comisión Europea os proxectos en materia de augas e mobilidade que aspiran a financiamento do novo programa Feder e do fondo de reconstrución

As reunións de Ethel Vázquez con Verónica Manfredi e con Normunds Popens, concertadas coa colaboración da Fundación Galicia Europa, estaban previstas para a pasada primavera, pero víronse aprazadas como consecuencia da covid

A titular de Infraestruturas da Xunta trasladará o interese da Xunta en optar a financiamento de actuacións relacionadas co ciclo da auga, con infraestruturas sostibles e coa transformación dixital no transporte público

Afondará nas singularidades de Galicia, tanto desde o punto de vista territorial como hidrolóxico, e trasladará as actuacións estratéxicas para a Comunidade aliñadas cos obxectivos dos programas Feder 21/27 e Next Generation-UE

Vázquez Mourelle tamén abordará coas autoridades comunitarias a situación da ría do Burgo, pendente de licitación por parte do Goberno español

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2020

A Xunta de Galicia trasladará a vindeira semana á Comisión Europea ás súas prioridades en materia de augas, infraestruturas e transporte público de cara á obtención de financiamento comunitario do vindeiro período operativo dos fondos Feder 2021-2027 e do fondo de reconstrución da Unión Europea, Next Generation-UE.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reunirase os vindeiros luns e martes, a través de videoconferencia, coa directora de Calidade de Vida da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, Verónica Manfredi, e co director adxunto na Dirección Xeral de Política Rexional, Normunds Popens, a quen lle fará chegar as propostas de Galicia nesta materia.

Trátase de reunións que a titular de Infraestruturas e Mobilidade tiña previsto celebrar a pasada primavera, pero que tiveron que ser aprazadas como consecuencia da situación de emerxencia sanitaria derivada da covid. Estes encontros foron concertados coa colaboración da Fundación Galicia Europa.

Nas xuntanzas da vindeira semana, Ethel Vázquez abordará o financiamento de actuacións relacionadas co ciclo da auga, con infraestruturas sostibles e coa transformación dixital no transporte público na Comunidade.

Afondará nas singularidades de Galicia, tanto desde o punto de vista territorial -a dispersión, o avellentamento da poboación ou a situación periférica-, como desde o punto de vista hidrolóxico –coas peculiaridades dos ríos galegos, curtos e con moita pendente, ou a riqueza que se xera en torno ás rías-.

Neste contexto, a titular de Infraestruturas da Xunta trasladará distintas actuacións estratéxicas para a Comunidade aliñadas cos obxectivos marcados no programa operativo Feder 21/27 e no marco de financiamento Next Generation-UE e que, polo tanto, se consideran susceptibles de recibir fondos comunitarios para levalas a cabo.

Ethel Vázquez aproveitará o encontro coa directora de Calidade de Vida da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea para abordar a situación actual da ría do Burgo, cuxa dragaxe está aínda pendente de licitación por parte do Goberno español, toda vez que este asunto xa foi abordado con Verónica Manfredi nunha reunión anterior celebrada en abril do pasado ano.

O Goberno galego vén realizando un importante esforzo nos últimos anos para acadar o saneamento integral das rías e para dar cumprimento ás normativas comunitarias e este esforzo foi recoñecido de forma expresa pola Comisión Europea.

Esa aposta da Xunta, no caso concreto da ría do Burgo, tense traducido nun investimento autonómico de máis de 100 millóns de euros en distintas actuacións de apoio aos concellos da ría no desenvolvemento das súas competencias de saneamento e depuración.

Imaxes relacionadas