A Xunta adxudica as obras de sinalización de máis de 600 quilómetros de rutas ciclistas protexidas nas estradas de titularidade da Xunta

Os traballos, adxudicados por un importe de máis de 180.000 euros, levaranse a cabo ao longo deste outono

A intervención busca incrementar a seguridade nos traxectos habituais dos ciclistas deportivos

Actuarase en 10 percorridos das vías autonómicas das catro provincias nas que se colocarán máis de 300 sinais e paneis para alertar da presenza dos ciclistas, prestando un especial esforzo ao mantemento das beiravías

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de sinalización de máis de 600 quilómetros de rutas ciclistas protexidas na rede de estradas autonómicas de titularidade da Xunta.

Os traballos, adxudicados á empresa Hordescon S.L. por un importe duns 181.000 euros, prevén levarase a cabo ao longo deste outono.

O obxectivo desta actuación é incrementar a seguridade nas rutas habituais dos ciclistas deportivos.
Trátase de intervencións en 10 percorridos por estradas autonómicas das catro provincias nas que se colocarán máis de 300 sinais e paneis para que os condutores estean alerta da presenza dos ciclistas e nas que se prestará un especial esforzo o mantemento das beiravías.

Esta actuación de protección dos usuarios vulnerables das estradas, que se enmarca no Plan de Seguridade Viaria da Xunta, céntrase nos ciclistas deportivos, tendo en conta as características diferenciais deste colectivo no uso das estradas, que fai preciso intervencións adaptadas ao colectivo.

Os ciclistas deportivos circulan a unha velocidade moito maior, polo que teñen que desprazarse pola calzada, preferentemente pola beiravía. Isto provoca situacións de maior vulnerabilidade e actuacións como estas van encamiñadas a reforzar a súa seguridade.