O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude acolle unha xornada técnica sobre maquinaria para a mecanización da horta

A acción, que incluíu demostracións en campo, ten lugar nun momento de incremento da demanda de distintos equipos para mecanizar tarefas agrarias

Está integrada no Plan de formación ao agro galego que leva a cabo a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

Boqueixón (A Coruña), 10 de setembro de 2020

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, situado no concello coruñés de Boqueixón, acolleu este xoves unha xornada técnica sobre maquinaria para a mecanización da horta. A acción está integrada no Plan de formación ao agro galego que leva a cabo a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

A xornada, que incluíu demostracións con distintos tipos de equipos, lévase a cabo nun momento de incremento da demanda de diferentes maquinarias para poder mecanizar certas tarefas do agro, así como para buscar sistemas de produción máis eficientes ou que minimicen a utilización de fitosanitarios. Desta forma, cada vez máis agricultores buscan equipos que non só lles faciliten o labor diario, senón que tamén poidan axudalos a aforrar, ao tempo que teñen a capacidade de adaptarse aos distintos tipos de solo ou ás irregularidades do terreo.

A acción formativa constou dunha sesión teórico práctica para mostrar o funcionamento e as particularidades dunha serie de máquinas, facendo fincapé na posibilidade de combinación entre elas para reducir o tempo de traballo ou o consumo de enerxía. Entre os equipos que se empregaron na demostración, estiveron un canón nebulizador, unha transplantadora ou distintos tipos de fresas. Tamén unha sementadora, unha binadora e unha trituradora de cultivos.

A actividade estaba dirixida aos produtores e técnicos de horta, ás cooperativas e asociacións de horticultores, ás escolas de formación agraria e ás empresas de servizos agrícolas. Así mesmo, oriéntase a representantes dos talleres de maquinaria para o agro, así como a mozos en fase de incorporación á actividade agraria.

O principal obxectivo do Plan de formación ao agro galego é impulsar as actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Así, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, gandeiro, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, se fose preciso, na reordenación das producións e no emprego de métodos respectuosos co medio.

Imaxes relacionadas