O CDG ofrece no Auditorio de Galicia dúas funcións da súa coprodución con Paloma Lugilde ‘Poeta en Nova York’

A montaxe da compañía lucense levará a cabo este sábado dous pases consecutivos, ás 18,00 e ás 20,30 h., nos que reunirá intérpretes e público sobre o escenario da sala Ángel Brage

Un elenco integrado por María Roja, Sergio Zearreta e Sabela Eiriz asume a adaptación escénica da obra poética de García Lorca

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2020

O Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela acolle este sábado día 12 dúas funcións de Poeta en Nova York, unha visión escénica da obra poética de Federico García Lorca, realizada pola compañía lucense Producións Paloma Lugilde xunto co Centro Dramático Galego da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Serán dous pases consecutivos, ás 18,00 h. e ás 20,30 h., nos que un elenco integrado por María Roja, Sergio Zearreta e Sabela Eiriz actuará no mesmo escenario no que se situarán os espectadores, un máximo de 50 persoas en cada representación. De feito, o espectáculo, inicialmente programado para o mes de marzo no Salón Teatro, sede do CDG, tivo que ser suspendido por mor do estado de alarma e trasládase finalmente ao Auditorio de Galicia por proporcionar este recinto maior distancia física entre os asistentes.

Con dirección, dramaturxia e escenografía de Paloma Lugilde, en Poeta en Nova York preséntase un Lorca traspasado pola dor, traizoado, estranxeiro nunha cidade contraditoria e desbordante, que enche o seu poemario de personaxes, situacións, sensacións e imaxes para retratar non só un lugar e un poeta, senón tamén toda unha sociedade.

A iluminación e o son deseñados por Alfredo Sarille e Manuel Regueiro contribúen tamén a crear unha atmosfera íntima e poética dentro dnun espazo escénico contemporáneo. Completan o equipo Ramón Ferreira na documentación, Diego Blanco nas proxeccións, Pablo Sanmamed na música e Xoán Laxe na tradución.

As localidades para asistir ao espectáculo poden mercarse xa en liña no web entradas.abanca.com. O seu prezo é de 10 euros e aplícanse os descontos habituais a titulares de carné xove, persoas desempregadas, maiores de 65 anos e determinados colectivos sociais e profesionais.

Imaxes relacionadas