A Xunta impulsa no Festival da Luz o consumo dos 36 produtos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade

A Consellería do Medio Rural pon a disposición do evento os Menús da Luz, que se poden adquirir xa na súa web ou de xeito presencial o propio sábado

A recadación destinarase integramente á Cruz Vermella Española, a causa benéfica á que se dedica este ano a cita musical

Os produtos galegos ecolóxicos e con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida tamén se promocionarán en paquetes de benvida para os asistentes e en pezas audiovisuais que se proxectarán entre os concertos

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2020

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), está a impulsar o consumo dos 36 produtos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade no marco do Festival da Luz que se celebrará este sábado 12 de setembro no concello coruñés de Boimorto. Así, a Xunta non só puxo a disposición do evento os denominados Menús da Luz -con produtos ecolóxicos e provistos de denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida-, senón tamén paquetes de benvida para os asistentes e pezas audiovisuais promocionais destas producións que se proxectarán entre as actuacións.

Baixo o lema “Alimentos de Galicia con certificado de orixe. Enchen de luz a túa mesa e o noso rural”, a Agacal doou para o evento os Menús da Luz, que se poden adquirir ata a medianoite do venres na web do festival ou de xeito presencial cando comecen os concertos. A recadación destes menús compostos por queixos, pan, mel, hortalizas, produtos cárnicos, froitas ou doces con selo de calidade destinarase integramente á Cruz Vermella Española, a causa benéfica á que se dedica este ano a cita musical.

Así, o prezo por anticipado destes packs é de 25 euros para o pícnic de dúas persoas e de 50 euros para a opción de cinco persoas, mentres o importe o propio sábado será de 30 e 65 euros respectivamente. Cómpre destacar que o primeiro dos paquetes está valorado en 50 euros e o segundo en 125 euros. Todas as caixas irán provistas dun mantel de papel onde se especifican as principais características dos 36 produtos galegos con indicativo de calidade.

A maiores, as producións con certificado de orixe galega servirán de pano de fondo de todo o Festival da Luz. Nesa liña, daráselles aos asistentes un pack de benvida que consistirá nunha bolsa eco dos 36 produtos con selo de calidade, unha máscara personalizada, unha libreta e material informativo.

Así mesmo, entre actuación e actuación proxectaranse na pantalla do evento pezas audiovisuais promocionais para que o público coñeza os produtos con denominación de orixe e indicación xeográfica protexida de Galicia.

Imaxes relacionadas