O conselleiro de Cultura e Educación comprométese a incrementar as axudas ás ANPAs que xestionan comedores escolares

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2020

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, comprometeuse hoxe na reunión do Consello Escolar de Galicia a incrementar de forma substancial as contías das axudas que o seu departamento destina ás Asociacións de Nais e Pais (ANPAs) que xestionan comedores escolares no conxunto de Galicia, co fin de facilitar as medidas de adaptación sen que isto supoña un prexuízo para as familias no prezo do menú.

Así mesmo, a Xunta de Galicia está a traballar xa nun protocolo específico para o funcionamento dos comedores escolares, que será sometido á avaliación e asesoramento do Comité Clínico. Este protocolo será un reforzo á seguridade xurídica que a Consellería ofreceu aos xestores destes comedores, sempre e cando as medidas de adaptación se axusten ás determinadas pola Xunta de Galicia

Esta decisión foi trasladada, así mesmo, á Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e Comarca (FOANPAS) e á Federación Provincial de Asociacións de Nais e Pais de Centros Públicos de Pontevedra (FANPA). Tras este compromiso, ambas comprometéronse a negociar o mantemento do servizo de comedor escolar, unha decisión que está supeditada ao debate e á aprobación dos seus órganos de decisión.

Estas medidas supoñen un recoñecemento ao esforzo e traballo que as ANPAs están a realizar para ofrecer o servizo de comedor escolar coas dificultades engadidas que supón a actual situación sanitaria.

Imaxes relacionadas