Aprazado o curso sobre emprego de drons en labores agrícolas e forestais previsto no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo

A acción, integrada no Plan de formación ao agro galego que desenvolve a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, desenvolverase en vindeiras datas

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2020

O curso sobre o emprego de drons en labores agrícolas e forestais que se ía celebrar mañá no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo, no concello coruñés de Bergondo, queda aprazado por razóns técnicas. Esta acción formativa, organizada pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), desenvolverase en vindeiras datas.

Neste curso abordaranse diversos temas relacionados coa agricultura en xeral, tales como a produción ecolóxica e a integrada, o tipo de cultivos en función dunha serie de parámetros (zona, cultivo, orografía e accesibilidade), as principais enfermidades e pragas, así como as boas prácticas ambientais.

Así mesmo, tamén se tratará o uso do dron como equipo de pulverización, analizando as vantaxes destes vehículos non tripulados con respecto aos sistemas tradicionais, centrado principalmente en economizar produto e tempo, entre outros aspectos. Nesta liña, os participantes tamén recibirán coñecementos sobre a normativa de uso dos drons, tanto da aeronáutica civil como da do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en materia de aplicacións aéreas. Por último, os asistentes terán unha clase onde poderán poñer en práctica os coñecementos adquiridos sobre o empregos destas novas tecnoloxías na agricultura.

O curso está integrado no Plan de formación ao agro galego 2020, que ten como principal obxectivo impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Departamento:
C. do Medio Rural