A Xunta convoca as axudas ao Plan Moves para fomentar a mobilidade eficiente e sostible

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará mañá as bases da convocatoria deste programa, que xestiona a Vicepresidencia Económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e que conta cun orzamento de 5M€

As entidades colaboradoras poderán adherirse a esta iniciativa desde o próximo venres, mentres que o prazo para a presentación de solicitudes comezará o 1 de outubro e rematará o 10 de setembro de 2021

Establécense catro liñas de apoios: para a adquisición de vehículos eléctricos, furgóns e camións con propulsión alternativa de gas e GLP; instalación de infraestruturas de recarga; implantación de sistemas de préstamos de bicicletas eléctricas; e para plans de transporte aos centros de traballo

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica mañá a convocatoria de axudas da segunda edición do Plan Moves para fomentar unha mobilidade eficiente e sostible. O programa, que xestiona a Vicepresidencia Económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, contará cunha dotación orzamentaria de 5M€.

As entidades colaboradoras poderán solicitar desde este venres, 11 de setembro, a súa adhesión ao programa, mentres que o prazo para a presentación de solicitudes ábrese o 1 de outubro e rematará o 10 de setembro do próximo ano.

En total, o Plan Moves inclúe catro liñas de axudas. A primeira delas para a compra de vehículos alternativos eléctricos ou furgóns e camións con propulsión alternativa de gas ou GLP, para a que se reserva un total de 2,2M€. En concreto, apoiarase a compra dunha moto eléctrica con axudas de ao redor de 700 ou 750 euros e de cuadriciclos eléctricos con 600-800 euros. Os turismos e furgonetas recibirán entre 1600 e 6000 euros por parte da Xunta e outros 1000 polo fabricante, mentres que poderían recibir 750 euros adicionais no caso de persoas con mobilidade reducida ou se achatarra un vehículo anterior ao 1 de xaneiro do ano 2013.

En canto aos furgóns, camións e autobuses eléctricos ou de pila de combustible poderán optar a axudas de entre 5000 e 15.000 euros mentres que os furgóns e camións a gas ou GLP poden recibir apoios de entre 1800 e 13.500 euros. Esta medida está destinada a persoas físicas, autónomos, comunidades de propietarios, empresas e sector público. Como novidade, amplíase o orzamento por vehículo que será de 45.000 euros ou 53.000 no caso de vehículos de oito prazas para fins sociais. Prevese a incorporación de 650 vehículos sostibles ás estradas galegas.

A segunda liña de apoios destinarase á instalación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos e contará cun orzamento de 2M€. As axudas están dirixidas tanto a empresas como autónomos, particulares, comunidades de propietarios e sector público cun límite máximo de 100.000 euros. Agárdase apoiar 300 instalacións.

A terceira liña apoiará a implantación de sistemas de préstamos de bicicletas eléctricas, para a que se reservarán 200.000 euros. Os beneficiarios poderán ser tanto públicos como privados e o límite será de 100.000 euros. As axudas están destinadas a autónomos, empresas e sector público.

Por último, o cuarto tipo de apoios ten como obxectivo a implantación de plans de transporte aos centros de traballo e conta cun crédito de 600.000 euros. A medida tamén está pensada para autónomos, empresas e sector público.

No caso das axudas para a compra de vehículos e para instalación de infraestruturas de recarga, a xestión das axudas realizarase mediante entidades colaboradoras. Estas axudas permitirán unha redución das emisións de CO2 equivalentes a acción de 117.500 árbores e aforros económicos de 1,2M€ ao ano. A previsión é mobilizar máis de 46 millóns de euros de investimento.

Imaxes relacionadas