Controlado o incendio forestal do concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, parroquia de Aguasantas

Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 65 hectáreas

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2020

A Consellería do Medio Rural informa de que quedou controlado ás 23,45 h. de onte o lume rexistrado no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, parroquia de Aguasantas.

O incendio iniciouse na madrugada de luns e, segundo as últimas estimacións, afecta unhas 65 hectáreas, das cales 20 ha son arboradas e 45 de monte raso. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Na extinción do lume lévanse mobilizado ata o de agora 1 técnico, 11 axentes, 30 brigadas, 25 motobombas, 2 pas, 6 avións e 3 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.