A Xunta expresa a súa “enorme decepción” pola renuncia do CSD a elaborar o protocolo marco para a competición non profesional de ámbito estatal

Lete Lasa lembra que a competencia para elaborar o protocolo é do CSD xunto as federacións nacionais e que a vontade da Xunta foi sempre “colaborar co resto de comunidades para axudar na redacción deste protocolo que o CSD pode aprobar de xeito unilateral en calquera momento”

Santiago, 8 de setembro de 2020.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de expresar a súa “enorme decepción” pola renuncia do Consello Superior de Deportes ás súas competencias, nomeadamente no que respecta á elaboración do protocolo marco para a competición non profesional de ámbito estatal. Apenas dez días despois do compromiso do ministro de Cultura e Deporte para a elaboración do protocolo e a incorporación dos responsables autonómicos e das federacións nacionais a unha plataforma de traballo conxunta, o CSD vén de romper as negociacións por non atopar consenso en torno ás probas de detección da enfermidade e á asistencia de público aos eventos.

Neste punto, o secretario xeral para o Deporte apuntou que a Xunta de Galicia xa actuou o pasado 27 de agosto para “emendar a inoperancia do CSD” ante a competición non profesional de ámbito estatal a través dunha Orde para a modificación de determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño. Grazas a esta acción o deporte galego permite o contacto nunha serie de circunstancias, entre elas a dos equipos galegos que participan en competicións deportivas oficiais non profesionais de ámbito estatal con previsión de inicio da competición. Lete Lasa apuntou que a Xunta de Galicia “volverá a actuar para defender aos equipos de Galicia e para solucionar a ausencia de medidas nas competencias do CSD”.

Neste sentido, lembrou tamén que a competencia para elaborar o protocolo para as competicións non profesionais de ámbito estatal é do CSD xunto as federacións nacionais e que a vontade da Xunta -que conta con protocolos elaborados para cada federación- foi sempre “colaborar co resto de comunidades para axudar na redacción deste protocolo que o CSD pode aprobar de xeito unilateral en calquera momento”.

Respecto aos puntos que segundo o CSD non atoparon consenso, Lete Lasa informou que as medidas propostas polo Consello “abocan á desaparición da maioría de clubs non profesionais. Nun primeiro lugar por non permitir o acceso de público aos estadios e, nun segundo lugar, por querer trasladar o modelo do fútbol profesional ao resto de competicións non profesionais, algo que é inviable polo custo e a situación dos deportistas”.