Rematan os traballos para trasladar os fondos do Arquivo Provincial de Ourense á nova sede de San Francisco

A operación, que conta cun investimento de 100.000 euros por parte da Xunta de Galicia, fíxose tendo en conta a singularidade dos fondos e supuxo o movemento de seis quilómetros lineais de documentación

O arquivo recupera xa a súa actividade, suspendida ata que remataron os traballos e se puido garantir o acceso e consulta nas novas instalacións
 

Ourense, 8 de setembro de 2020

Os traballos impulsados pola Xunta de Galicia para trasladar os fondos do Arquivo Histórico Provincial de Ourense ata a nova sede situada no antigo Convento de San Francisco remataron xa, catro días antes do previsto, permitindo que esta dotación cultural poida retomar a súa actividade garantindo o acceso e consulta nas novas instalacións.

Esta operación, cun investimento próximo aos 100.000 euros por parte do Goberno galego, iniciouse o pasado luns 3 de agosto e é a máis grande deste tipo realizada nunca en Galicia. Os traballos incluíron o movemento de 54.000 caixas con seis quilómetros lineais de documentación a un depósito que nestes momentos ten capacidade para albergar case oito. Con todo, cómpre destacar que unha vez que o Ministerio de Cultura y Deporte culmine o equipamento da área de depósito, en marcha nestes momentos, a capacidade total deste Arquivo permitirá albergar aproximadamente 27 quilómetros lineais de documentos.

O traslado efectuouse de xeito ordenado, baixo a dirección e supervisión do persoal técnico do arquivo e atendendo, en especial, ás condicións de manipulación daqueles fondos singulares pola súa antigüidade, formato ou estado de conservación. Entre os documentos con estas características figuran fragmentos de códices, impresos incunables, máis de 1.700 libros procedentes de institucións relixiosas, do Catastro de Ensenada ou do fondo antigo bibiliográfico, así como outros documentos anteriores a 1960, edicións facsímiles ou obras en formato especial como fotografías, planos mapas ou diapositivas, entre outros.

Centenar de visitantes

As novas instalacións traerán consigo un considerable incremento da capacidade ao pasar dos 1.745m² do emprazamento actual, no Pazo Episcopal, ata os 9.350 m² da nova sede. Precisamente, co fin de dar a coñecer e achegar á cidadanía o novo inmoble, a Xunta realizou, coincidindo co inicio do traslado, unhas xornadas de portas abertas con visitas guiadas a cargo da dirección e equipo técnico do arquivo na que participaron un centenar de persoas.