A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19,45 h de hoxe

Extinguido o incendio do concello coruñés de Carnota, parroquia do Pindo, que afectou unha superficie de 89,02 hectáreas rasas

Controlado o lume que entrou dende Portugal e afecta unhas 240 hectáreas do municipio ourensán da Mezquita, parroquia da Esculqueira

Segue estabilizado o incendio do concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, parroquia de Aguasantas, que afecta 65 hectáreas de superficie

Controlados dous lumes no municipio ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que afectan unhas 2 ha do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2020

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19,45 h. de hoxe.

Carnota
Extinguido ás 18,49 h. desta tarde o lume que se iniciara onte á mañá no concello coruñés de Carnota, parroquia do Pindo. Segundo as últimas medicións, afectou unha superficie de 89,02 hectáreas rasas. Na súa extinción traballaron en total 1 técnico, 12 axentes, 20 brigadas, 13 motobombas, 1 pa, 4 avións e 4 helicópteros.

A Mezquita
Controlado ás 19,39 h. desta tarde o lume rexistrado no municipio ourensán da Mezquita, parroquia da Esculqueira, que entrou por Portugal no mediodía do sábado. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada rolda as 240 hectáreas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para o seu control mobilizáronse ata o momento 17 axentes, 36 brigadas, 17 motobombas, 3 pas, 12 avións e 9 helicópteros.

Cerdedo-Cotobade
Segue estabilizado, desde as 12,45 h. de hoxe, o lume rexistrado esta madrugada no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, parroquia de Aguasantas. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 65 hectáreas, das cales 20 ha son arboradas e 45 de monte raso. Para o control deste incendio mobilizáronse ata o de agora 1 técnico, 8 axentes, 21 brigadas, 19 motobombas, 2 pas, 6 avións e 3 helicópteros.

Muíños
Rexistrados dous lumes esta tarde -case simultaneamente- no municipio ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que afectan o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.

O primeiro incendio, que se orixinou ás 17,24 h. desta tarde, quedou controlado ás 18,35 h. Segundo as primeiras estimacións, afecta aproximadamente 1 hectárea de superficie. Para o seu control lévanse mobilizado 1 axente, 4 brigadas, 2 motobombas, 2 avións e 2 helicópteros.

O segundo lume, que se iniciou ás 17,28 h., quedou controlado ás 18,57 h. Segundo as primeiras estimacións, tamén rolda 1 hectárea afectada. Na súa extinción levan traballado 1 axente, 2 brigadas e 2 motobombas.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.