Os novos conselleiros piden comparecer a petición propia no Parlamento para explicar os plans e previsións dos seus departamentos

A loita contra a pandemia do coronavirus no ámbito sanitario e na reactivación económica e social marcarán as actuacións do novo Executivo galego

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2020

A Xunta xa rexistrou as solicitudes de comparecencia no Parlamento de Galicia dos 11 novos conselleiros do Goberno galego, que informarán a petición propia sobre os plans e previsións dos departamentos que dirixen.

Desta forma, o vicepresidente primeiro Alfonso Rueda comparecerá a petición propia na Cámara para tratar as liñas de actuación da Consellaría de Presidencia, Xustiza e Turismo. Mentres, o vicepresidente segundo, Francisco Conde, fará o propio como titular de Economía, Empresa e Innovación; Valeriano Martínez exporá as obxectivos da Consellaría de Facenda e Administración Pública e Ángeles Vázquez explicará os da consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Tamén Ethel Vázquez acudirá ao Parlamento para abordar as previsións da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade; Román Rodríguez tratará as actuacións da Consellería de Cultura, Educación e Universidade; María Jesús Lorenzana informará das previsións da Consellaría de Emprego e Igualdade; Julio García Comesaña dará conta dos retos a realizar na área de Sanidade; Fabiola García das accións previstas en Política Social; José González dos proxectos do Medio Rural; e Rosa Quintana dos obxectivos da Consellaría do Mar.

A prioridade do novo Executivo galego será afrontar a pandemia do coronavirus en todas as súas frontes, tanto no reto sanitario como nos seus efectos a nivel económico, de maneira que todos os esforzos coordinados vaian encamiñados a traballar na reactivación económica e social en tódolos sectores. Ademais, este Goberno seguirá a traballar noutros retos como o demográfico, a cohesión territorial e social, a defensa da igualdade de oportunidades, o coidado ambiental, a conservación do patrimonio ou a creación de riqueza.
 

Imaxes relacionadas