A Xunta realiza un novo envío de 204.350 unidades de material de protección a residencias, entidades sociais, escolas infantís e centros sociocomunitarios da provincia da Coruña

Hai uns días enviouse unha nova partida de 119.850 máscaras e 84.500 luvas

A Xunta leva entregado 1.654.330 luvas e 1.508.140 máscaras nos centros sociais e escolas infantís da provincia da Coruña desde o inicio da crise

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2020

A Xunta de Galicia vén de facer un novo envío de material de protección fronte á covid-19 con destino ás residencias e entidades sociais e incluíuse tamén ás escolas infantís e aos centros sociocomunitarios da provincia da Coruña. Nesta área a partida entregada foi de 119.850 máscaras e 84.500 luvas.

Entre o material enviado esta semana incluíronse tamén botes de xel hidroalcohólico e garrafas de desinfectante. No reparto de material tivéronse en conta as peticións que os propios centros e entidades trasladaron á Xunta tendo en conta as súas necesidades actuais.

Ata o de agora, o Goberno galego leva realizado 23 envíos de material aos centros sociais dos concellos da Coruña e ás escolas infantís que iniciaron o curso, con material de protección. Concretamente, no que levamos de crise o Goberno autonómico enviou 1.654.330 luvas e 1.508.140 máscaras, entre outros materiais, á provincia coruñesa.

Estas entregas estanse a realizar a través da plataforma loxística que o Goberno galego puxo en marcha para centralizar a adquisición e a distribución de material de protección durante o estado de alarma e a emerxencia sanitaria polo coronavirus.