A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20,00 h de hoxe

Controlado o lume no concello de Carnota, parroquia do Pindo, que afecta unha superficie de 70 hectáreas

Estabilizado o lume -procedente de Portugal- no concello da Mezquita, parroquia da Esculqueira que afecta unhas 240 hectáreas

Extinguidos os dous incendios no concello de Vilariño de Conso, parroquias de Castiñeira e de San Cristovo

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2020

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20,00 h. de hoxe.

Carnota

Controlado ás 18,03 h. desta tarde o lume que se iniciaba ás 7,33 h. desta mañá no concello de Carnota, parroquia do Pindo. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie dunhas 70 hectáreas, das cales 7 son arboradas e 63 de monte raso. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Na súa extinción levan traballado 1 técnico, 9 axentes, 16 brigadas, 10 motobombas, 1 pa, 4 avións e 4 helicópteros.

A Mezquita

Estabilizado ás 16,13 h. o lume rexistrado no concello da Mezquita, parroquia da Esculqueira, que entrou por Portugal no mediodía do sábado. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é dunhas 240 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse 12 axentes, 28 brigadas, 13 motobombas, 3 pas, 12 avións e 9 helicópteros.

Vilariño de Conso

Os dous lumes rexistrados no concello de Vilariño de Conso quedaron extinguidos ás 19,25 h. desta tarde, tras comezar o venres á noite con tres focos cada un deles. Tras a súa medición, a superficie afectada foi de 16,42 hectáreas no caso da parroquia de Castiñeira e de 45,39 hectáreas na de San Cristovo, en ambos casos de monte raso. Na súa extinción participaron en total 12 axentes, 23 brigadas, 9 motobombas e 3 pas.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Departamento:
C. do Medio Rural