A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20,00 h de hoxe

Activo un lume -procedente de Portugal- no concello da Mezquita, parroquia da Esculqueira que afecta unhas 60 hectáreas

Permanecen estabilizados os dous incendios no concello de Vilariño de Conso, parroquias de Castiñeira e de San Cristovo

Segue tamén estabilizado o lume no municipio de Chandrexa de Queixa, parroquia de Queixa, que afecta unha superficie estimada dunhas 40 hectáreas

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2020

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20,00 h. de hoxe.

A Mezquita

Sobre as 12,30 h. deste mediodía entraba desde Portugal un lume no concello da Mezquita, parroquia da Esculqueira. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é dunhas 60 hectáreas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para o seu control mobilizáronse 10 axentes, 20 brigadas, 11 motobombas, 3 pas, 12 avións e 9 helicópteros.

Vilariño de Conso

Os dous lumes rexistrados no concello de Vilariño de Conso permanecen estabilizados, tras comezar a pasada noite con tres focos cada un deles. Así, na parroquia de Castiñeira quedou estabilizado ás 11,27 h. o lume que comezaba ás 21,34 h. da pasada noite. Tras a medición con GPS, a superficie afectada é de 16,42 hectáreas de monte raso. No seu control levan traballado 7 axentes, 14 brigadas, 4 motobombas e 2 pas.

Na parroquia de San Cristovo permanece estabilizado dende as 07,02 h. desta mañá o lume rexistrado onte ás 22,41 h. Segundo as medicións con GPS, a superficie afectada é de 45,39 hectáreas de monte raso. No seu control levan participado 3 axentes, 5 brigadas, 4 motobombas e 1 pa.

Chandrexa de Queixa

Segue tamén estabilizado dende as 02,07 h. desta madrugada o lume que comezaba ás 16,43 h. da tarde de onte no concello de Chandrexa de Queixa, parroquia de Queixa. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 40 hectáreas. No control deste lume levan participado 6 axentes, 19 brigadas, 6 motobombas, 3 pas, 9 helicópteros e 2 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Departamento:
C. do Medio Rural