A comarca da Limia comproba que as rotacións de forraxes ecolóxicas contribúen ao incremento da produción do leite de vacún e á redución dos custos nas explotacións

As terras dunha explotación leiteira de Allariz están a albergar unha acción de desenvolvemento e transferencia do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Agacal

Persegue implantar rotacións forraxeiras ecolóxicas adaptadas ás condicións agroclimáticas desta bisbarra ourensá

Galicia é líder absoluta en leite ecolóxico, cunha produción que supera as 22.000 toneladas anuais procedentes de case 120 explotacións
 

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2020

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), está a desenvolver un campo de demostración na comarca da Limia para avaliar o comportamento produtivo de rotacións de forraxes ecolóxicas de cara á produción de leite. O obxectivo é contribuír a unha maior sustentabilidade das explotacións ecolóxicas da zona, a través do incremento da produción e da redución de custos en alimentación para as vacas.

En concreto, as terras dunha explotación leiteira de Allariz están a albergar unha acción no marco do Plan de Transferencia para o apoio ás actividades de demostración e información ao agro galego da Consellaría do Medio Rural, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). A iniciativa parte da necesidade de buscar novas forraxes máis sostibles e rendibles para ofrecer como alternativa en zonas de produción intensiva como son as parcelas de regadío da bisbarra ourensá.

Así as cousas, nas terras de regadío da Limia púidose avaliar o rendemento e o valor nutricional do cultivo ecolóxico de tres especies forraxeiras de verán -millo, sorgo, pasto do Sudán e un híbrido de sorgo con pasto do Sudán-, establecendo unha rotación con cultivos de inverno constituídos por unha mestura de trevos anuais con raigrás. A maiores, analizouse a implantación de pastos mixtos a base de gramíneas e trevos cunha composición botánica diversa.

Tras dous anos de probas, non só se constatou un incremento da cantidade e da calidade das forraxes senón tamén un aumento da produción do leite por vaca, ao tempo que se reduciu o custo da alimentación dos animais. Expresado en Unidades Forraxeiras de Leite, que aluden á cantidade de enerxía neta que aporta un quilo de cebada para producir leite (1UFL = 1 quilo de cebada), comprobouse que a produción do millo forraxeiro roldou as 15.000 UFL/ha, a de sorgo superou as 9.000 UFL/ha, a do híbrido de sorgo con pasto de Sudán pasou das 8.000 UFL/ha e a de pasto de Sudán foi máis aló das 7.000 UFL/ha. Canto ao cultivo de inverno, achegou á rotación unhas 2.000 UFL/ha adicionais, mentres a produción dos pastos implantados en montes se aproximou ás 3.000 UFL/ha no primeiro ano.

Para consolidar a iniciativa, os traballos seguen actualmente adiante co obxectivo de reafirmar unha alternativa de cultivos a catro anos nas parcelas de regadío que integran rotación con prados. Así mesmo, búscase facer un seguimento e mellorar os pastos en terreos de sequeiro, explorando a posibilidade de introducir leguminosas mediante técnicas de sementeira directa e en superficie.

Produción ecolóxica

Os datos falan por si sos e, segundo as estatísticas do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, as explotacións gandeiras ecolóxicas galegas representaban en 2019 o 51% do conxunto español no caso do bovino de leite, o 35% en polos de carne e o 11% en porcino.

Nesa liña, Galicia é líder absoluta en leite ecolóxico, cunha produción que supera as 22.000 toneladas anuais procedentes de case 120 explotacións. Aínda por baixo do 1% da produción total de leite da comunidade, o potencial neste eido ponse de manifesto vendo o incremento dun 25% que experimentou o número de granxas de leite ecolóxicas nos últimos dous anos.

Imaxes relacionadas