A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta mañá aos participantes nestas accións de verán

Os campamentos de verán da Xunta en Porto do Son e Boiro rematan hoxe tras catro quendas de actividades

A aventura na natureza, os deportes náuticos e o teatro centraron a programación destas dúas iniciativas

Porto do Son / Boiro (A Coruña), 4 de setembro de 2020

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, estivo esta mañá cos participantes nos campamentos xuvenís que se están a celebrar en Porto do Son e en Boiro. Estas dúas actividades, que chegan hoxe ao seu fin, forman parte da Campaña de Verán da Xunta de Galicia que afronta estes días a súa recta final.

As rapazas e rapaces que se dan cita na última quenda destes dous campamentos están a desfrutar de xornadas de convivencia que xiran en torno a actividades de aventura moi vencelladas á natureza. Así, no campamento Virxe de Loreto (Porto do Son) participan mozas e mozos de 14 a 17 anos que aproveitan á proximidade á praia para realizar, principalmente, deportes náuticos.

Pola súa banda, o campamento xuvenil Espiñeiras (Boiro), ademais das actividades de aventura, céntrase na temática teatral. Trátase de facilitar á xente nova un primeiro achegamento a esta disciplina artística dunha maneira lúdica e formativa.

En total, esta Campaña de Verán, que leva por título O verán que necesitas, pon á disposición da mocidade 6872 prazas en diferentes actividades e campamentos, que se prolongarán ata comezos do mes de setembro. Todas as actividades desta campaña seguen as medidas de prevención fronte ao covid-19 fixadas polas autoridades sanitarias co fin de garantir a seguridade de todas as persoas participantes.

Así mesmo, a Consellería de Política Social oferta neste verán 348 prazas nun total de 29 campos de voluntariado (incluíndo as tres quendas de Cíes) para maiores de 18 anos por todo o territorio galego.

Imaxes relacionadas