A ANPA do CEIP Javier Sensat garante a Educación a prestación do servizo complementario de comedor para os 85 alumnos

O xefe territorial, César Pérez Ares, achegouse ao centro escolar, que contará con desdobres en 5º e 6º de Primaria, para comprobar a adaptación fronte á COVID -19

Recorda que segue á espera do informe que Foanpas Vigo comprometeuse a remitir co total de escolares beneficiarios de comedor centro por centro

Vigo, 4 de setembro de 2020

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional representada polo seu xefe territorial, César Pérez Ares, anunciou que a Asociación de Nais e Pais de Alumnos do CEIP Javier Sensat está en disposición de manter a prestación do servizo complementario de comedor como o viña facendo ata o de agora. Así o confirmou durante unha visita ao centro vigués, na que puido comprobar a organización da Anpa e dos equipos directivos para adaptarse ás medidas que marcan o Protocolo fronte á COVID-19 ante o inicio do curso.

Segundo informou, tal e como o teñen contemplado, os 85 alumnos comeran gardando en todo momento a distancia de seguridade e ofrecendo todas as garantías sanitarias que se recollen no devandito protocolo, de modo que a Anpa deste centro mantén a súa desvinculación da rede de centros xestionada por Foanpas Vigo.

A este respecto, o representante do departamento autonómico aproveitou para recordarlle á Federación Olívica que a maioría das Anpas de Galicia están organizando este servizo, atendendo á situación excepcional que require do esforzo de todos os axentes educativos. Asemade, apuntou que segue á espera do informe que esta se comprometeu a remitir co total dos escolares beneficiarios de comedor centro por centro.

Cómpre lembrar que para a organización do servizo de comedor escolar, os comensais deberán gardar unha distancia de 1,5 metros, sentados en oblicuo, e con postos fixos para cada un durante todo o curso escolar. Para garantir o servizo a todos os usuarios, a entidade xestora do servizo de comedor pode establecer quendas, utilizar espazos lindeiros ou instalar mamparas ou separacións de cando menos de 60 centímetros de altura colocadas directamente sobre o mesado, para o cal non sería preciso manter a distancia mínima.

A finalidade, tal e como destacou Pérez Ares, non é outra que garantir un inicio de curso seguro a nivel sanitario e dentro da máxima normalidade posible no marco actual. E neste contexto, aproveitou para lanzar unha mensaxe de tranquilidade aos pais e nais de cara o comezo das clases, pois sinalou que a implicación e organización dos equipos directivos dos centros “está a ser exemplar”.


Segundo dixo, o CEIP Javier Sensat conta cun plan de continxencia no que se recolle de forma exhaustiva a redistribución de espazos e as medidas a adoptar a nivel de grupos -con dous desdobres en 5º e 6º de Primaria-, os medios de protección, a limpeza, o uso de espazos ou o protocolo de actuación en caso de detectarse algunha incidencia.

Imaxes relacionadas