A Xunta retoma o ‘Obradoiro de novela Cidade da Cultura’ á procura de novos valores da narrativa galega

Unha vintena de aspirantes a novelistas aprenderán sobre diversos aspectos da creación literaria con sete escritores e dous profesionais do eido editorial

As sesións teóricas, que a pasada primavera foron adiadas polo estado de alarma, recomezan esta tarde coa clase maxistral da escritora Arantza Portabales

Autores cunha destacada traxectoria dentro e fóra de Galicia como Antonio Riveiro Coello, Diego Giráldez ou Miguel Anxo Fernández completan a programación

As clases inclúen exercicios prácticos, como un microrrelato sobre o Camiño de Santiago, xa que o obradoiro forma parte da programación do Xacobeo 2021
 

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2020

A Fundación Cidade da Cultura retoma esta tarde as sesións formativas programadas no segundo Obradoiro de Novela Cidade da Cultura coa clase maxistral da escritora Arantza Portabales. A programación, que arrancara o pasado mes de marzo e tivera que ser adiada por mor do estado de alarma, continuará a desenvolverse ata o 23 de outubro con outras oito sesións teóricas da man de autores e autoras de éxito e profesionais do mundo editorial. A través das diferentes sesións, brindaranlles a súa experiencia e coñecemento a unha vintena de aspirantes a novelistas que nesta actividade terán ademais a oportunidade de dar o salto cara ao profesionalismo da man dunha axencia literaria de éxito como Rolling Words.

Arantza Portabales é autora do libro de microrrelatos A Celeste la compré en un rastrillo, e das novelas Sobrevivindo –coa que gañou o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia–,Deixe a súa mensaxe despois do sinal –traducida ao castelán, italiano, alemán e hebreo, e levada ao teatro pola compañía Tanttaka– e Beleza vermella –traducida ao castelán e ao italiano–. A súa clase maxistral versará sobre un tema tan importante para os autores e autoras como é o estilo narrativo.

O Obradoiro de Novela Cidade da Cultura está dirixido polo xornalista e escritor Javier Peña ?autor da novela Infelices?, que impartiu en marzo a primeira sesión do mesmo, e conta entre a súa nómina de autores con nomes como Antón Riveiro Coello ?o último Premio Torrente Ballester?, Miguel Anxo Fernández, Xabier Quiroga, Manuel Gago ou Diego Giráldez. Desde o mundo da edición participarán a fundadora de Rolling Words, Lourdes Díaz, e o consultor editorial Siscu Pérez. Todos eles serán os encargados de fornecer os aspirantes a novelistas das ferramentas e recursos necesarios para levar adiante os seus propios proxectos literarios, compartindo os seus coñecementos sobre temas como os xéneros narrativos, a creación de personaxes, o diálogo, estrutura e tempos da novela ou o o propio mercado do libro.

Microrrelato sobre o Camiño de Santiago

As e os participantes levarán a cabo distintos exercicios como a elaboración dun microrrelato sobre o Camiño de Santiago, xa que esta segunda edición forma parte da programación do Xacobeo 2021. A fase práctica iniciarase unha vez finalizadas estas clases formativas e nela os e as participantes deberán escribir as primeiras 40 páxinas dunha novela, na que amosen os coñecementos aprendidos durante o curso.

O Obradoiro de Novela Cidade da Cultura iniciou a súa andaina en 2019 co obxecto de potenciar e desenvolver o talento de novos valores da narrativa galega. Organizado pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, enmárcase no Xacobeo 2021 e conta co apoio da axencia literaria profesional Rolling Words, a través da cal os e as participantes poderán establecer contactos profesionais de calidade e, no caso de demostrar un talento literario sobresaínte, poderán tamén ingresar na nómina dos autores e autoras que representa.
 

Imaxes relacionadas