A Casa da Cultura da Pontenova acollerá un curso sobre técnicas de extracción de resina organizado pola Xunta

A acción formativa desenvolverase entre o 11 de setembro e o 10 de outubro

Está concibida para persoas vinculadas cos sectores agrario, gandeiro, agroalimentario ou forestal, así como para interesados en incorporarse a algunha destas actividades, especialmente mozos ou mozas do rural

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2020

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organizará un curso sobre técnicas de extracción de resina na Casa da Cultura do concello lucense da Pontenova. A acción formativa, que contará cunha duración de 60 horas, desenvolverase ao longo de dez xornadas entre o 11 de setembro e 10 de outubro.

A iniciativa está concibida para persoas relacionadas cos sectores agrario, gandeiro e agroalimentario ou da cadea forestal-madeira, así como para interesados en incorporarse a algunha destas actividades, especialmente mozos ou mozas do rural. Para optar á participación no curso, deberá reservase praza escribindo ao enderezo electrónico información@foresin.es ou chamando aos teléfonos 680 208 320 e 982 342 277.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural xa organizou un curso sobre técnicas de extracción de resina o pasado mes de agosto, que tivo lugar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte de Lemos. Así mesmo, leváronse a cabo senllas accións divulgativas sobre o potencial resineiro nos piñeirais galegos, tanto no CFEA de Monforte como no Pedro Murias de Ribadeo.

A maiores, cabe destacar que a Xunta desenvolve diversos proxectos relacionados coa investigación no sector da resina dirixidos á adaptación de diferentes métodos de resinación ás condicións dos montes galegos, á mellora da produtividade, á multifuncionalidade dos espazos forestais, á xenética forestal, á planificación, á silvicultura e á protección forestal.

Imaxes relacionadas