A Xunta destaca a importancia da formación e a sensibilización para promover a remuda xeracional no sector pesqueiro

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2020

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, defendeu hoxe a importancia das accións de formación e de sensibilización para promover a remuda xeracional no sector marítimo-pesqueiro e puxo como exemplo deste labor o proxecto de cooperación Relevo 2020. Así o sinalou durante a presentación desta iniciativa dos grupos de acción local do sector pesqueiro que acolleu esta tarde o Museo do Pobo Galego.

Relevo 2020 é froito da colaboración dos GALP A Mariña - Ortegal, Golfo Ártabro Norte, Golfo Ártabro Sur, Seo de Fisterra Ría de Muros Noia Costa Sostible e Ría de Arousa e busca o relevo xeracional no sector pesqueiro mediante a capacitación de mozos e mozas, a través da formación e mellor coñecemento dos recursos dos territorios. Con eses fins o proxecto, que está destinado a mozas e mozos de entre 16 e 30 anos, inclúe seminarios formativos, titorías individualizadas, saídas de campo, encontros con persoas con experiencia no sector pesqueiro e visitas nos diferentes concellos de influencia dos grupos que forman parte do proxecto.

Imaxes relacionadas