Extinguido o incendio forestal rexistrado no concello ourensán de Manzaneda, parroquia de Reigada

Segundo as últimas medicións, o lume afectou 25 hectáreas de monte raso

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2020

A Consellería do Medio Rural informa de que quedou extinguido ás 13,18 h. de hoxe o incendio forestal rexistrado no concello ourensán de Manzaneda, parroquia de Reigada. Iniciárase ás 22,13 h. do martes e afectou, segundo as últimas medicións, unha superficie de 25 hectáreas, todas elas de monte raso. Para a extinción deste lume mobilizáronse en total 1 técnico, 6 axentes, 20 brigadas, 10 motobombas, 1 pa e 3 helicópteros.

Cabe lembrar que no mesmo municipio de Manzaneda se rexistraran outros catro lumes na noite do martes, a horas nas que os medios aéreos xa non podían actuar. Un deles orixinouse tamén na parroquia de Reigada, dous iniciáronse en San Miguel de Bidueira e outro en Cernado. Todos estes incendios quedaron extinguidos e ningún superou as 20 hectáreas.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
 

Departamento:
C. del Medio Rural