As chuvias rexistradas nas xornadas do 12 e 19 deixan un mes de agosto moi húmido

A precipitación media acumulada durante o oitavo mes situouse nos 92 L/m2

Destacan os rexistros da Mariña central e da comarca do Sar onde se acadaron valores de 266 L/m2, que contrastan cos rexistrados na comarca da Limia, onde apenas se superaron os 5 L/m2, resultando a zona máis seca de Galicia

As xornadas de temperaturas extremas da primeira quincena do mes compensaron ás frías de segunda quincena, deixando un mes normal en canto ás temperaturas media

A temperatura media máxima situouse nos 24.5 ºC; mentres que a mínima foi de 13.2 ºC
 

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2020-

A Comunidade galega despide un mes de agosto que se considera moi húmido, debido ás precipitacións abondosas rexistradas nas xornadas do 12 e 19 de agosto. Así se desprende do avance do informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, onde se indica que cada un deses días por separado xa supera os valores normais de agosto e sumando as precipitacións rexistradas -xunto con algún día de chuvia máis feble-, permite caracterizar o mes como moi húmido en gran parte da Comunidade.

Así, a precipitación media acumulada foi de 92 L/m2 e deuse unha gran diferencia entre comarcas do norte da Comunidade, como a Mariña Central e a comarca do Sar con rexistros de precipitación acumulada de 266 L/m2; fronte ás do sur, como por exemplo a comarca da Limia, á que non se achegaron as frontes máis activas que afectaron a Galicia, nin tampouco sufriu as fortes chuvias rexistradas por mor das treboadas da xornada do día 11. Deste xeito, resultou a zona máis seca de Galicia, con rexistros de precipitación acumuladas que apenas superaban os 5 L/m2.

En canto ao comportamento do mes, respecto dos valores climáticos para o período 1981-2010, os episodios máis chuviosos deixaron porcentaxes de precipitacións de máis dun 390% por riba do normal para esta época do ano.

En relación coas temperaturas, a anomalía media foi de +0.13ºC, o que fai que poda considerarse no conxunto da Comunidade coma un mes normal. Destacou o contraste de temperaturas entre a primeira semana e a segunda quincena do mes, polo que o exceso de calor dos quince primeiros días quedou compensado coas xornadas frías das últimas dúas semanas do mes.

O valor medio das temperaturas máximas foi de 24.5 ºC, rexistrándose os valores máis altos nas Ribeiras do Miño e do Sil, así como na comarca de Verín, con valores que superaron os 30 ºC de media; mentres que as máximas máis baixas déronse nos puntos máis elevados da provincia de Ourense (Manzaneda e Pena Trevinca), con máximas medias que apenas acadaron os 17 ºC.

Pola contra, o valor medio das temperaturas mínimas situouse nos 13.2 ºC. Os valores máis baixos rexistráronse na comarca da Limia, superando lixeiramente os 6.3 ºC; mentres que os valores máis altos déronse practicamente en todo o litoral galego, destacando a comarca da Coruña, xa que nalgúns puntos se superaron os 18 ºC de temperatura mínima de media mensual.
 

Imaxes relacionadas