A Xunta licita a redacción do proxecto construtivo das actuacións necesarias para minimizar o risco de asolagamento en Xunqueira, no concello de Viveiro

A Plataforma de contratos de Galicia publica a licitación dos traballos por un importe duns 67.000 euros

As empresas interesadas na elaboración do proxecto, cun prazo de execución de 6 meses, poden presentar as súas ofertas ata o día 16 de outubro

O proxecto servirá de base para executar actuacións destinadas a naturalizar o leito do río Fontecova, ao seu paso polo núcleo de Xunqueira, incluíndo o reforzo das cimentacións danadas e a adecuación das infraestruturas próximas

O Goberno galego asume o traballo de redacción do proxecto no marco dun acordo de colaboración co Concello de Viveiro e a Deputación de Lugo para o seu cofinanciamento

Tomaranse como base as recomendacións formuladas no plan específico para a xestión desta área de especial risco de inundación elaborado por Augas de Galicia

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2020

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade vén de licitar a redacción do proxecto construtivo para definir as actuacións precisas para minimizar o risco de asolagamento en Xunqueira, no concello de Viveiro.

A Plataforma de contratos públicos de Galicia publica hoxe a licitación destes traballos por un importe de máis de preto de 67.000 euros. As empresas interesadas na redacción deste proxecto teñen de prazo ata o día 16 de outubro para presentar as súas ofertas. O prazo de execución do contrato é de 6 meses.

Trátase de deseñar o proxecto que servirá de base para executar actuacións que contribúan a minimizar o risco asociado á área identificada como de risco potencial significativo de inundación do río Fontecova, ao seu paso polo núcleo de Xunqueira.

Nos traballos que se desenvolverán neste contrato inclúense actuacións destinadas ao necesario aumento e naturalización do leito do río, reforzo de cimentacións danadas, ampliación de pontes, adecuación dalgunhas das infraestruturas pegadas ao leito, así como a reubicación dun lavadoiro.

Plan específico de xestión de risco

A Xunta elaborou un plan específico de xestión de riscos de inundación para Xunqueira, no que propón varias actuacións susceptibles de ser desenvolvidas nun proxecto construtivo. Este plan foi presentado ao Concello coas distintas alternativas identificadas e a eficacia calculada para cada unha delas na redución dos riscos de inundación.

O Concello elixiu as alternativas que considerou oportunas, e solicitou á Xunta a súa colaboración na concreción das mesmas nun proxecto a nivel construtivo. Para iso, a Xunta asinou co Concello de Viveiro e coa Deputación Provincial de Lugo un convenio de colaboración, polo que Augas de Galicia asume a contratación dos traballos licitados hoxe, cofinanciando as tres administracións a partes iguais o investimento necesario previsto para este fin.

Neste plan específico elaborado pola Xunta, inclúense tamén recomendacións para a toma de medidas precisas por parte do Concello para protexer á poboación de Xunqueira ante episodios de enchentes. Entre elas, a aplicación de políticas urbanísticas que respecten as contornas fluviais do río, a redacción dun Plan de actuación municipal para as inundacións ou a promoción da contratación de seguros contra os danos por riadas.

Avaliación de riscos permanente

A Xunta, a través de Augas de Galicia redacta, e revisa cada seis anos, o risco de inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa, en colaboración coas autoridades de Protección Civil, e a Administración xeral do Estado.

Unha vez que se identifica e declarada unha zona como área de risco potencial significativo de inundación, cómpre desenvolver mapas de perigosidade e risco de inundación e establecer as medidas que debe realizar por cada autoridade competente para minimizar os efectos negativos das enchentes.

Nas áreas de maior risco recóllese a necesidade de redactar un Plan específico de xestión, no que se traballa a nivel de detalle para tratar de minimizar os perigos e incrementar a calidade ambiental das contornas fluviais, como fixo a Xunta no caso de Xunqueira.