As obras de mellora do firme na vía de altas prestacións VG-2.1, en Monforte de Lemos, fan necesario hoxe o corte do tráfico en dous ramais

O ramal 1 e o acceso á estrada N-120 permanecerá pechado entre as 8 e as 13 horas e o ramal 2, entre as 14.30 e as 18 horas

Os cortes son precisos para avanzar no acondicionamento do firme en preto de 3 quilómetros, renovando integramente a capa de rodadura na vía e nas beiravías

Os traballos forman parte dun contrato máis amplo para mellorar o firme na LU-933, na LU-546 e na LU-722, en Navia de Suarna, que comezou a mediados de agosto

As intervencións contan cun investimento autonómico de máis dun millón de euros e un prazo de execución de 6 meses

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2020

A execución das obras de mellora do firme na VG-2.1, en Monforte de Lemos, fai necesario o corte, hoxe, de dous ramais nesta vía de altas prestacións.

O corte de circulación realízase no ramal 1 e no acceso á estrada N-120, entre as 8 e as 13 horas. No caso do ramal 2, o peche levarase a cabo entre as 14.30 e as 18 horas.

Para ambos os dous cortes, dispóñense desvíos alternativos que están debidamente sinalizados.

Estas restricións son precisas para avanzar nas obras de reforzo de firme que está a acometer a Xunta en toda a lonxitude da VG-2.1, en preto de 3 quilómetros, incluíndo a capa de rodadura, a calzada e as beiravías.

A intervención enmárcase no contrato de obras de mellora de firme iniciadas a mediados deste mes de agosto nas estradas LU-933, tamén en Monforte; na LU-546, ao seu paso polo Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria; e na LU-722, en Navia de Suarna.

O conxunto das actuacións, cun investimento de máis dun millón de euros, conta cun prazo de execución de 6 meses.

Cómpre lembrar que as obras na estrada LU-722, en Navia de Suarna, fan necesario manter o corte da calzada e o desvío do tráfico desde o pasado día 27 de agosto ata o vindeiro venres 4 de setembro.

En todas as estradas está previsto completar as actuacións de mellora do firme coa execución posterior de tarefas de reposición e renovación da sinalización horizontal e balizamento.

No que se refire aos cortes efectuados hoxe, o seguinte plano amosa o desvío establecido para o peche do ramal 1 e da saída cara Ourense.