A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19,30 h de hoxe

Controlado o lume de Viana do Bolo, parroquia de Vilarmeao, que afectou, segundo as últimas medicións, arredor de 24 hectáreas

Continúa estabilizado o incendio do concello ourensán de Manzaneda, parroquia de Reigada, que afecta provisionalmente unhas 20 hectáreas

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2020

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais rexistrados con datos recollidos ata as 19,30 h. de hoxe.

Viana do Bolo

Quedou controlado ás 19,09 h. de hoxe o lume rexistrado ás 22,41 h. de onte no municipio ourensán de Viana do Bolo, parroquia de Vilarmeao. Segundo as últimas medicións, afecta arredor de 24 hectáreas, todas elas de monte raso. Para o control deste lume mobilizáronse en total 7 axentes, 11 brigadas, 9 motobombas, 2 pas e 1 helicóptero.

Manzaneda

Continúa estabilizado dende ás 4,51 h. desta madrugada o incendio iniciado ás 22,13 h. de onte no concello ourensán de Manzaneda, parroquia de Reigada. Segundo as últimas estimacións, rolda as 20 hectáreas de superficie. No lugar lévanse mobilizado 1 técnico, 4 axentes, 18 brigadas, 9 motobombas, 1 pa e 2 helicópteros.

No mesmo municipio de Manzaneda, rexistráronse outros catro lumes esta pasada noite, a horas nas que os medios aéreos xa non podían actuar. Un deles orixinouse tamén na parroquia de Reigada (e permanece, así mesmo, estabilizado), dous iniciáronse en San Miguel de Bidueira (ambos xa extinguidos) e outro en Cernado (tamén extinguido). Ningún deles superou as 20 hectáreas.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.