Valentín García destaca a figura do cineasta Chano Piñeiro como “dignificador da lingua galega”

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe na homenaxe do Festival de Cans con motivo do 25º aniversario do seu pasamento

A Consellería de Cultura e Turismo apoia a 17ª edición do encontro, que se desenvolve do 2 ao 5 de setembro, adaptado na súa organización e loxística ao contexto da covid-19
 

O Porriño (Pontevedra), 2 de setembro de 2020

O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, visitou hoxe a 17ª edición do Festival de Cine de Cans para participar na homenaxe ao cineasta galego Luciano Manuel Piñeiro Martínez, Chano Piñeiro, con motivo do 25º aniversario do seu pasamento. O artífice dos filmes Mamasunción (1984) e Sempre Xonxa (1989), que lle deron paso á lingua galega no audiovisual, e da coñecida cita “facer cine en Galicia é posible, facer cinema en galego é necesario” foi, en palabras do secretario xeral de Política Lingüística, “un dos grandes dignificadores da lingua galega e precursor da normalización do noso idioma propio desde o ámbito audiovisual”. Así, co fin de homenaxealo, o cineasta conta desde hoxe e durante as vindeiras edicións deste evento cunha rúa efémera que leva o seu nome e que foi inaugurada esta mañá na estrada principal da parroquia porriñense.


Á descuberta dunha placa en tributo a el seguiulle o coloquio Chano Piñeiro, descubridor de actrices e actores e a proxección de Mamasunción, coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, do director do festival, Alfonso Pato; da viúva do cineasta forcareiés, Mari Luz Montes, e da actriz Uxía Blanco, protagonista de Sempre Xonxa.


A Consellería de Cultura e Turismo apoia un ano máis o festival con máis de 40.000€ que achega a través das axudas a certames audiovisuais e do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. O evento chega á súa 17ª edición, que se desenvolve do 2 ao 5 de setembro, adaptado na súa organización e loxística ao contexto derivado da crise da covid-19 cunha importante restruturación de espazos e contidos pero mantendo a súa esencia e as seccións máis relevantes, co protagonismo sempre centrado no talento galego e un compromiso firme a prol da dinamización social da nosa lingua.
 

Imaxes relacionadas