A Xunta apoia a XIX edición do Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán que contará con oito representacións

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, presentou a programación que se levará a cabo no Salón Teatro e no Teatro Principal de Santiago esta fin de semana

As obras que se representarán son as finalistas da edición, que este ano como novidade contén obras de micro teatro e unha sesión para público familiar

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2020

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou na presentación do XIX Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán. Do 4 ao 6 de setembro o Salón Teatro e o Teatro Principal de Santiago acollerán a representación das obras finalistas desta edición, unha iniciativa promovida pola Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) en colaboración coa Xunta de Galicia.

As obras que participan son cada ano seleccionadas por un xurado e representan as propostas máis interesantes dos grupos federados das catro provincias galegas. Deste xeito, o festival actúa de estímulo á creación, a innovación e á mellora da calidade do teatro amador galego. Como principais novidades este ano, o primeiro día dedicarase ao micro teatro e o domingo ás 12,00 h. terá lugar unha representación para público familiar.

Deste xeito, a programación dará comezo este venres ás 20,00 h. no Teatro Principal coa sesión de microteatro que contará coas pezas Ausencias de Cavort Teatro, A aposta do chisquiero de A tequerreté e Mitoloxía para ignorantes de Hipócrita Teatro. O sábado o Salón Teatro acollerá a proposta Lume de Teatro do Ar ás 18,00 h. e posteriormente, ás 20,00 h. representarase Balneario A Condesiña de Atrezo Fontevella no Teatro Principal. A última xornada, o domingo, contará coa obra de teatro para público familiar A mirada das bolboretas a cargo de Lohengrin no Salón Teatro ás 12,00 h. No mesmo escenario ás 18,00 h. subirase á escea a compañía Ateaco coa obra Final de película. Esta XIX edición do festival pecharase coa representación de A farsa de Maitre Pathelin de Tiruleque ás 20,00 h. no Teatro Principal.

Imaxes relacionadas