A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13,30 h de hoxe

Segue estabilizado o lume de Viana do Bolo, parroquia de Vilarmeao, que rolda as 40 hectáreas de superficie

Tamén permanece estabilizado o incendio do concello ourensán de Manzaneda, parroquia de Reigada, que afecta provisionalmente unhas 20 hectáreas

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2020

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais rexistrados con datos recollidos ata as 13,30 h. de hoxe.

Viana do Bolo

Permanece estabilizado dende as 4,59 h. desta madrugada o lume rexistrado ás 22,41 h. de onte no municipio ourensán de Viana do Bolo, parroquia de Vilarmeao. Segundo as últimas estimacións, afecta unhas 40 hectáreas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para o control deste lume lévanse mobilizado 5 axentes, 10 brigadas, 8 motobombas, 2 pas e 1 helicóptero.

Manzaneda

Segue estabilizado dende ás 4,51 h. desta madrugada o incendio iniciado ás 22,13 h. de onte no concello ourensán de Manzaneda, parroquia de Reigada. Segundo as primeiras estimacións, rolda as 20 hectáreas de superficie. No lugar lévanse mobilizado 1 técnico, 3 axentes, 14 brigadas, 9 motobombas, 1 pa e 2 helicópteros.

No mesmo municipio de Manzaneda, rexistráronse outros catro lumes esta noite, a horas nas que os medios aéreos xa non podían actuar. Un deles orixinouse tamén na parroquia de Reigada (e xa está estabilizado), dous iniciáronse en San Miguel de Bidueira (ambos xa controlados) e outro en Cernado (tamén controlado). Ningún deles superou as 20 hectáreas.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Departamento:
C. do Medio Rural