A Xunta reforzou a seguridade das praias cun plan de apoio aos concellos para implantar medidas de prevención fronte á covid-19

O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, visitou hoxe co alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, as actuacións levadas a cabo nos areais do concello

O Goberno galego destinou 20.000 euros ao municipio para apoiar a compra de dous drons cos que evitar aglomeracións, así como o custo da formación dos seus pilotos e a instalación de módulos que garanten o distanciamento social dos usuarios

Máis de 40 pequenos e medianos concellos costeiros xa asinaron acordos coa Xunta para colaborar nos custos extraordinarios de actuacións destinadas a controlar os aforos e a intensificar a limpeza e o mantemento destes espazos

Ribeira (A Coruña), 2 de setembro de 2020

O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou hoxe na praia do Coroso de Ribeira as medidas de prevención postas en marcha este verán polos concellos turísticos galegos nos seus areais para reforzar a seguridade fronte ao coronavirus e ofrecer un turismo seguro e de calidade.

O concello de Ribeira é un dos 42 municipios costeiros da comunidade que se adheriron ao plan da Xunta para apoiar a implantación de normas de seguridade e vixilancia, limpeza e control ambiental destinadas a previr a covid-19 nos areais. Esta colaboración permitiu ás entidades locais abrir estes espazos públicos durante a época estival sen riscos sanitarios para os seus usuarios.

Alfonso Rueda supervisou esta mañá durante a visita, acompañado do alcalde, Manuel Ruiz, as melloras levadas a cabo nos areais do concello coas que garantir o distanciamento social e das que o Goberno galego financiou un 75% do custo total cun investimento de arredor de 20.000 euros.

Por unha banda, nos módulos que serven de referencia para marcar a distancia mínima entre os usuarios. Ademais, tamén comprobou o funcionamento dun dos drons destinados a evitar as aglomeracións. As achegas da Xunta tamén contribuíron a sufragar os cursos de formacións e as certificacións oficiais dos pilotos que se encargan do manexo dos dous drons durante a vixilancia dos areais.

O vicepresidente da Xunta en funcións destacou a utilidade destes avións non tripulados para “controlar que os bañistas están a respectar a distancia de seguridade, avisar aos que as incumpran ou ás forzas de seguridade se fose necesario”. Nesta liña, tamén sinalou o seu potencial e a súa utilidade para outros servizos do concello.

Tamén apelou á importancia da colaboración entre a Administración autonómica e as entidades locais e, en especial, no actual contexto derivado da crise sanitaria da covid-19 que supón custos extraordinarios para os concellos. “Estas medidas permitiron que fose posible desfrutar do verán e das praias cumprindo todas as normas sanitarias e, por iso, quixemos cooperar cos municipios neste maior esforzo económico que tiveron que realizar”.

Neste caso, a Xunta colabora a través destes convenios na reactivación da actividade turística que se mantivo paralizada pola pandemia e, por tanto, na recuperación económica a nivel municipal. As axudas da Xunta van dirixidas a municipios de menos 40.000 habitantes, cun mínimo de 300 prazas hoteleiras e máis de 5 praias.

Alfonso Rueda explicou que, mediante estes acordos, os pequenos e medianos concellos costeiros da comunidade poden afrontar as actuacións necesarias para manter a distancia entre persoas co control de accesos e de aforos, así como os labores de limpeza dos areais, a recollida de residuos ou o mantemento das instalacións de uso común.

Imaxes relacionadas