A Xunta potencia a certificación forestal en Galicia cumprindo cos parámetros de sostibilidade que actualmente esixe o mercado

O obxectivo da Consellería do Medio Rural é superar este ano as 100.000 hectáreas certificadas en montes de xestión pública

Ademais da produción de madeira, tamén se pretende garantir a produción sostible dos produtos forestais non madeirables, como é a resina, a castaña e a actividade gandeira

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2020

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, mantivo unha xuntanza de traballo con representantes do sistema de certificación forestal PEFC, co fin de abordar diversas cuestións que permitan un maior desenvolvemento deste sistema na nosa comunidade. Deste xeito, o incremento deste selo nos montes galegos permite dar cumprimento aos parámetros de sostibilidade que actualmente esixen o mercado nacional e internacional.

Durante a xuntanza tamén se tratou a importancia deste sistema de certificación para garantir a produción sostible dos produtos forestais non madeirables, como é a resina, a castaña e a actividade gandeira, ademais da gran produción de madeira que ten a nosa comunidade.

Neste senso, cabe sinalar que Galicia contén nestes momentos preto de 200.000 hectáreas certificadas con este sistema, das que máis de 75.000 ha están en xestión pública. Así, o obxectivo que se plantexa a Consellería do Medio Rural é superar as 100.000 hectáreas neste ano.

Na reunión estivo presente, entre outros, a secretaria General de PEFC España, Ana Belén Noriega Bravo, e o presidente de PEFC Galicia, Enrique Valero Gutiérrez del Olmo. Así, ambas entidades quedaron de seguir colaborando para desenvolver e potenciar a certificación PEFC en Galicia e a inclusión de servizos ecosistémicos, tales como a fixación de carbono e a conservación da biodiversidade, entre outros aspectos.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural