A Xunta impulsa un proxecto de innovación sobre rotacións ecolóxicas de cultivos forraxeiros para a produción de leite

O proxecto desenvólvese nas instalacións da Estación Experimental agrogandeira situada no concello lugués da Pobra do Brollón, pertencente á rede de fincas experimentais da Consellería do Medio Rural

Así, preténdese promocionar a produción ecolóxica de cultivos en extensivo, empregando as posibilidades que brindan terras con escasa utilización e aproveitamento pero con alto potencial produtivo agrario

O proxecto está financiado con fondos Feader e ten unha duración de sete anos (2019-2025)

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2020

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), está traballando nun proxecto de innovación en materia de rotacións ecolóxicas de cultivos forraxeiros para a produción de leite. Neste estudo colaboran o Centro de Investigacións de Mabegondo (CIAM) e o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal).

O proxecto desenvólvese nas instalacións da Estación Experimental agrogandeira situada no concello lugués da Pobra do Brollón, pertencente á rede de fincas experimentais da Consellería do Medio Rural. O proxecto está financiado con fondos Feader e ten unha duración de sete anos (2019-2025).

A experimentación en rotacións ecolóxicas de cultivos focalízase en aumentar o coñecemento acerca dos seus compoñentes e interrelacións entre o solo e os cultivos para ser aplicados na práctica das explotacións. A investigación implica o uso dun conxunto de métodos, incluíndo experimentos a longo e medio prazo, proseguindo coa extensión dos coñecementos nas granxas en experimentación a nivel comercial.

Deste xeito, preténdese promocionar a produción ecolóxica de cultivos en extensivo, empregando para iso as posibilidades que brindan terras con escasa utilización e aproveitamento do interior de Galicia pero con alto potencial produtivo agrario. Neste senso, cabe sinalar que do total da superficie de agricultura ecolóxica da nosa comunidade, unhas 25.000 hectáreas (o 78% do total) son pastos permanentes, mentres que só unhas 2.000 hectáreas (5% do total) corresponden a superficies de terras arables con alto potencial de produción dedicadas a producir alimentos para as gandarías.

Así, neste proxecto estase a traballar cunha superficie de ensaio para cultivos de millo forraxeiro (Zea mays L.) e soia (Glycine max L.) en parcelas de rega, que se colleitarán para ensilar a finais do mes de setembro. En parcelas de sequeiro tamén se cultivaron sorgo forraxeiro (Sorghum bicolor L.) e pasto do Sudán (Sorghum sudanense P.), especies máis tolerantes á falta de humidade, que tamén serán aproveitados para ensilar.

Os resultados obtidos servirán para incrementar a superficie de cultivos en terras arables, en particular as produtoras de cereais, de legumes e de proteaxinosas para produción de grao e contribuír, en definitiva, á proxección e consolidación da produción ecolóxica de Galicia.

Imaxes relacionadas