A Xunta de Galicia conmemora o XXX aniversario do comezo do transporte sanitario urxente aéreo galego

No acto entregouse unha placa honorífica aos xefes das bases medicalizadas aéreas do 061 de Galicia con base nos concellos de Santiago de Compostela e Ourense

O conselleiro de Sanidade subliñou a importancia do servizo que comezou no ano 1990 e mellora os tempos de asistencia sanitaria urxente cun tempo medio de resposta de 17 minutos, operativos desde o orto ata o ocaso todos os días do ano

Nos últimos cinco anos, os helicópteros medicalizados mobilizáronse en 4.798 ocasións, o que supón unha media anual de 960 mobilizacións

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2020

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuniña, acompañado do director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Jose Flores Arias, conmemoraron hoxe en Santiago de Compostela o inicio da prestación do servizo de transporte sanitario urxente aéreo galego, No acto, ao que tamén asistiu o subdirector xeral de Planificación e Protección Civil da Consellería de Presidencia, José Antonio Grandas, realizouse a entrega dunha placa honorífica aos xefes das bases medicalizadas aéreas do 061 de Galicia con base nos concellos de Santiago de Compostela e Ourense.

O titular da carteira sanitaria galega subliñou a importancia do servizo de transporte sanitario urxente en Galicia, que comezou no ano 1990 coa posta en marcha de dúas aeronaves medicalizadas con base en Santiago de Compostela e Monforte de Lemos -trasladada dous anos despois a Ourense-, pola mellora nos tempos de prestación de asistencia sanitaria urxente no ámbito extrahospitalario, e que están operativas desde o orto ata o ocaso todos os días do ano.

Actualmente, o tempo medio de asistencia dos helicópteros medicalizados do 061, é dicir, o tempo que transcorre desde que a aeronave despega ata que comeza a prestar asistencia sanitaria, sitúase en preto dos 17 minutos para calquera punto da xeografía galega no que sexa necesaria a atención ás urxencias e ás emerxencias.

O servizo de transporte sanitario urxente aéreo galego comezou dependendo organicamente de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ata que, no ano 2014, pasou a depender da Consellería de Sanidade.

4.798 mobilizacións no último lustro

Nos últimos cinco anos, os helicópteros medicalizados mobilizáronse en 4.798 ocasións, o que supón unha media anual de 960 mobilizacións, No último lustro, o helicóptero de Santiago mobilizouse en 2.297 ocasións e a aeronave con base en Ourense en 2.099.

Destas 4.798 mobilizacións, 402 foron servizos secundarios, é dicir, servizos nos que resulta necesario o traslado do paciente desde un centro hospitalario ata outro hospital para asegurar a atención axeitada segundo as patoloxías sofridas.

Respecto á resolución das emerxencias atendidas, no 61% das mobilizacións foi necesario o traslado de pacientes ao centro hospitalario de referencia; mentres que en preto do 17% das mobilizacións a prestación da asistencia sanitaria no punto non fixo necesario o traslado dos pacientes nos helicópteros medicalizados; e no 22% das mobilizacións, os pacientes foron trasladados noutros recursos sanitarios, principalmente en ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado.

En relación coa tipoloxía das emerxencias atendidas polas aeronaves sanitarias do 061 de Galicia, o 18% das asistencias foron por dor torácica, o 17,5% correspondeu a pacientes que sufriron alteración da conciencia, o 16% foron asistencias por accidentes de tráfico, o 5% foron pacientes con problemas respiratorios e o 2% tratouse de persoas con convulsións.

Por último, lembrar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 é o servizo de referencia para a atención ás urxencias e ás emerxencias fóra do ámbito hospitalario, recoñecido como o servizo sanitario cos maiores índices de satisfacción entre os seus usuarios no conxunto do sistema público galego de saúde, que garante a resposta precisa ás necesidades de consulta e á asistencia sanitaria urxente en calquera punto de Galicia as 24 horas os 365 días do ano.

Imaxes relacionadas