A Xunta recibe 26 ofertas para executar 3 colectores e un pozo de bombeo en Orto e Crendes, en Abegondo, cun investimento de preto de 912.000 euros

A nova rede de saneamento permitirá captar as augas e incorporará, debido á orografía do terreo, un sistema de impulsión que permita desembocar as augas residuais na rede xa instalada e de aí á depuradora de Beldoña

Estas obras darán continuidade ás xa rematadas en 2019, que contaron cunha achega autonómica de 220.000 euros

Os traballos forman parte dun proxecto máis amplo que permitirá completar integramente o saneamento de Orto e Crendes

No seu conxunto dotarase estas parroquias dun sistema de saneamento que dará servizo a preto de 1.500 habitantes
 

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de recibir 26 ofertas para executar 3 colectores e un pozo de bombeo en Orto e Crendes, no concello de Abegondo.

Esta actuación, cun investimento de 911.560 euros, terá un prazo de execución de cinco meses.

A intervención enmárcase no convenio de colaboración co Concello de Abegondo, polo que a Xunta financia o 83 % do orzamento deste proxecto e o restante correspóndelle á entidade local.

Os traballos teñen como obxectivo a creación dunha nova rede de saneamento que permita a captación das augas e que incorporará, debido á orografía do terreo, un sistema de impulsión das augas residuais que desembocará na rede de saneamento instalada con anterioridade, e desde aí á estación depuradora de Beldoña.

Esta nova intervención inclúe así a execución de 3 conducións principais, complementadas con un pozo de bombeo, coa súa impulsión. O pozo de bombeo constará de 4 m3 de capacidade útil e estará equipado con dúas bombas cunha capacidade total de 4,34 l/s.

Trátase dunha parte dun proxecto máis amplo que cando estea executado na súa totalidade permitirá completar integramente o saneamento das parroquias de Orto e Crendes.

Estas obras hidráulicas darán continuidade ás xa rematadas en 2019, nunha primeira fase, nestes núcleos de Abegondo, mediante a achega dun orzamento autonómico de 220.000 euros.


Os traballos xa acometidos consistiron na instalación de cinco colectores por gravidade, cun total de 4.200 metros de lonxitude, dúas impulsións de 1.939 e 1.479 metros respectivamente e dous pozos de bombeo.

O obxectivo destas actuacións é dotar estas parroquias dun sistema de saneamento e depuración que responda ás necesidades da poboación. Así, o proxecto no seu conxunto dará servizo a preto de 1.500 habitantes desta contorna para o ano 2042.