A Xunta recibe 22 ofertas para executar o novo tanque de tormentas en Cabanas co obxectivo de completar o saneamento da ría de Pontedeume

Para acometer estes traballos, cun prazo de 12 meses, presentáronse un total 27 empresas, xa que algunhas concorreron en UTE

Esta actuación conta cun investimento de máis de 2,8 millóns de euros e céntrase na construción dun tanque con saída de bombeo cara á depuradora de Centroña

A infraestrutura forma parte da mellora de saneamento entorno ao esteiro de Eume, nos concellos de Cabanas e Pontedeume, ao que se están a destinar 8,5 millóns de euros

En Pontedeume, o novo colector interceptor e a renovación do abastecemento no treito afectado por esta instalación estará en servizo na primeira metade de 2021

Paralelamente, a Xunta xa licitou a renovación do colector interceptor de Cabanas, por 1,4 millóns de euros

Estas obras, no seu conxunto, teñen como obxectivo mellorar a calidade das augas e, en consecuencia, a calidade ambiental, turística e da pesca e do marisqueo

Santiago de Compostela, 1 de setembro 2020

A Xunta recibe 22 ofertas para executar o novo tanque de tormentas de Cabanas, co obxectivo de completar o saneamento da ría de Pontedeume.

En total, son 27 as empresas que presentaron as súas ofertas, xa que algunhas delas concorreron en UTE. O prazo para a execución destas obras é de 12 meses.

Esta actuación, cun investimento de máis de 2,8 millóns de euros, céntrase na construción dun tanque de tormentas en Cabanas con saída de bombeo cara á estación depuradora de augas residuais de Centroña, que comparte este municipio co de Pontedeume.

O tanque irá soterrado a unha profundidade de 20 metros, nunha planta de 27 x 21 metros e disporá dunha capacidade de 52,68 litros/ segundo, e desde este unha impulsión de 450 metros de lonxitude para acadar a estación depuradora de Centroña.

A infraestrutura, que dará servizo a 7.100 habitantes de Cabanas, forma parte do proxecto de mellora de saneamento entorno ao esteiro de Eume, impulsado pola Xunta neste municipio e no de Pontedeume, cun orzamento de 8,5 millóns de euros.

No Concello de Pontedeume, o proxecto avanza coa construción dun novo colector interceptor, máis adaptado ás necesidades actuais de saneamento e que contribúa a reducir as infiltracións de auga de mar e de augas brancas que chegan á depuradora.

Estas obras, que inclúen a renovación da rede de abastecemento no treito afectado polo novo colector, avanzan a moi bo ritmo e mantense a previsión de poñelas en servizo na primeira metade de 2021.

Paralelamente, a Xunta está a impulsar outras dúas actuacións que completan o saneamento da ría. Unha destas intervencións é a renovación do colector interceptor de Cabanas, licitada por 1,4 millóns de euros.

O obxectivo destes traballos é construír un novo colector ao longo de 1 quilómetro da fronte litoral de Cabanas, coincidindo co paseo da Madalena, co obxectivo de reducir as importantes entradas de auga de mar á rede que se producen na actualidade.

A terceira actuación coa que se completa o saneamento desta contorna é a construción do tanque de tormentas en Cabanas, para o que o Goberno galego xa recibiu as ofertas de empresas.

Estes traballos de saneamento da ría de Pontedeume contan co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Estas obras, no seu conxunto, teñen como obxectivo mellorar a calidade das augas e, en consecuencia, a calidade ambiental, turística e da pesca e do marisqueo.

A Xunta continúa apoiando aos concellos para que exerzan en mellores condicións as súas competencias de saneamento e depuración das augas.