Ángeles Vázquez destaca o Parque Nacional Illas Atlánticas como turismo sostible e seguro, con case 250.000 visitas

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións visitou esta mañá as Illas Cíes, na que nos mes de agosto se cubriu o cupo de visitantes todos os días

Vázquez Mejuto sinala que a pesar do descenso rexistrado (un 16,6%), dende o punto turístico son datos bos e positivos, tendo en conta as circunstancias actuais e, en consecuencia, a diminución importante do fluxo de visitantes internacionais

Nos meses de xullo e agosto, o perfil de visitante ao Parque foi o turismo nacional e rexional

Vigo, 31 de agosto de 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá que as illas do Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas de Galicia é sinónimo de turismo sostible e seguro.

A conselleira de Medio Ambiente visitou esta mañá as Illas Cíes, que no mes agosto cubriu o cupo todos os días, onde explicou que a pesar de que este verán foi atípico, debido ao coronavirus e ás precaucións que se tiveron que adoptar por parte de todos -”un feito que modificou as pautas do turismo”, recordou- o Parque Nacional recibiu un total de 245.350 visitas entre os meses de xullo e agosto.

Segundo explicou a conselleira, o número de visitante descendeu un 16,6%, respecto do ano anterior, cando se rexistraron 294.200 persoas. A pesar desta cifra, son datos bos e positivos (dende o punto de vista turístico), xa que no contexto actual produciuse unha diminución importante do fluxo de visitantes, sobre todo de visitantes internacionais; polo que os meses de xullo e agosto predominou o turista nacional e rexional.

Recordou que as visitas ao Parque reanudáronse o 20 de xuño, pois en Semana Santa, o mes de maio e parte de Xuño, períodos tamén de gran afluencia de actividades escolares, estivo pechado por precaución para evitar o avance da Covid-19. Tendo en conta este escenario, o número de visitante no que vai de ano sitúase nos 263.527 visitantes.

Esta cifra é unha mostra de Galicia ten a sorte de ofrecer unha rica alternativa turística que permite realizar actividades ao aire libre, en espazos abertos e, polo tanto, con moitos puntos a favor neste contexto recente marcado polas precaucións sanitarias que todos debemos cumprir, manifestou a conselleira.

Nese sentido, salientou o esforzo que realiza o Goberno galego por protexer e manter o patrimonio natural e revitalizar o seu atractivo. A modo de exemplo recordou que en 2019 e 2020 se destinaron 1,5 millóns de euros á conservación, á eliminación de especies exóticas invasoras no Parque Nacional e ao desenvolvemento de programas educativos relacionados coas ameazas ao medio mariño.

Agradecemento aos visitantes e persoal

A conselleira de Medio Ambiente tamén quixo agradecer o bo comportamento dos visitantes, xa que non se detectaron incidencias importantes e sobre todo seguiron as recomendacións e directrices indicadas polo persoal do Parque Nacional, que traballou con seguridade e responsabilidade.

Explicou que para garantir a seguridade dos visitantes, e do persoal que traballa no Parque, fixéronse pequenos cambios, como a eliminación da información en papel, primado os recursos informativos con código QR; e acondicionáronse as casetas e puntos de información para unha atención máis segura dos visitantes, extremando a precaución para evitar aglomeracións; así como se replantexaron as actividades para ofrecer pequenas rutas e encontros interpretativos con afluencia limitada e distancia social.

Imaxes relacionadas