A Xunta mantén aberto ata o 14 de setembro o prazo para solicitar as axudas de apoio á contratación de 500 desempregados nas entidades sen ánimo de lucro

A Consellería de Economía, Emprego e Industria financia con 8,5 millóns de euros a contratación durante nove meses a tempo completo en preto de 170 asociacións

Esta iniciativa ofrece unha experiencia e práctica profesional ás persoas que contan con máis dificultades para atopar un traballo, facilitando así a súa inserción no mercado laboral

Nesta convocatoria darase de novo prioridade ás entidades que desenvolven proxectos singulares, é dicir, as que prestan servizos a outros colectivos, contan con máis dunha área de actuación a nivel autonómico ou teñen máis de 100 traballadores

O Goberno galego estima un importe medio de 50.900€ por entidade e de 16.440€ por traballador

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2020

O prazo para solicitar as axudas da Xunta para apoiar a contratación nas entidades sen ánimo de lucro está aberto ata o próximo 14 de setembro. Trátase dunha convocatoria dotada con 8,5 millóns de euros coa que se prevé beneficiar a máis de 500 persoas desempregadas. A medida inscríbese nos programas que está a poñer en marcha a Administración autonómica, a través da nova Axenda de Emprego, para reducir o desemprego incrementando as oportunidades laborais dos galegos e galegas.

Con esta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria financiará a contratación de desempregados durante nove meses a tempo completo en preto de 170 asociacións que están inscritas no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais. O reto principal é ofrecer unha oportunidade laboral ás persoas desempregadas, proporcionándolles unha experiencia profesional que facilite a súa inserción no mercado de traballo; e apoiar ás entidades sen ánimo de lucro que traballan con colectivos que contan con máis dificultades para atopar un emprego.

Nesta convocatoria, mantense a ampliación dun 3% no orzamento do programa polo que se estima que se concederá un importe medio por entidade de 50.900 euros e por traballador de 16.440 euros. Ao igual que nos dous anos anteriores, darase tamén prioridade ás entidades que desenvolven proxectos singulares, que son aquelas asociacións que prestan servizos a outros colectivos, contan con máis dunha área de actuación a nivel autonómico ou teñen máis de 100 profesionais no seu cadro de persoal. Das 167 entidades beneficiaras previstas, estímase que 37 terán proxectos singulares nas que se prevé contratar a 187 traballadores. Do global do orzamento (8,5M€) destinaranse tres millóns (35,2% do investimento) para as entidades con proxectos singulares.

Este programa permitiu nas tres últimas edicións (2017-2019) a contratación de 1455 desempregados, unha cifra que se eleva ata as 8189 contratacións desde o ano 2009.

Imaxes relacionadas