Arranca mañá en Friol un obradoiro sobre alimentos agroecolóxicos organizado polo Grupo de Desenvolvemento Rural comarca de Lugo

Con cargo ao programa Leader, a iniciativa desenvolverase no Centro Biocárnico Traloagro

Está dirixida a concellos, produtores en ecolóxico ou persoas interesadas no emprendemento cooperativo

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2020

O Centro Biocárnico Traloagro de Friol acolle dende mañá, e ata o vindeiro venres, un obradoiro sobre alimentos agroecolóxicos sans e de proximidade. Con cargo ao programa Leader, a iniciativa está dirixida a concellos rurais, produtores en ecolóxico, promotores de novas formas de consumo, persoas interesadas no emprendemento cooperativo ou, máis en particular, na temática do obradoiro.

Así, en cinco sesións presenciais que se desenvolverán en horario de tarde analizaranse as novas posibilidades que ofrecen os alimentos ecolóxicos e os procedentes da economía social e solidaria, así como as súas tendencias no mercado, a través da economía colaborativa ou doutras canles alternativas de comercialización.

Deste xeito, reflexionarase sobre a importancia que teñen para os consumidores non só as propiedades e características propias destes alimentos, senón tamén aspectos como a maneira de producir, o lugar de orixe destes produtos, o emprego de materiais renovables nas súas embalaxes, o seu transporte ou a repartición de beneficios entre os distintos protagonistas da cadea alimentaria.

Ademais de acoller sesións prácticas sobre as conservas e licores caseiros, plantas ou infusións, o obradoiro centrarase en cuestións como a certificación ecolóxica dos distintos produtos ou as liñas de axuda existentes para a diversificación agroalimentaria no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) galego e para a certificación forestal no marco ecolóxico. Así mesmo, presentarase a Rede Eusumo, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para o fomento do cooperativismo e a economía social.

Constituída como Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR), a ADR Comarca de Lugo é o axente encargado de xestionar os fondos Leader na súa área de influencia, xunto coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural. Así, a súa vocación é promover todo tipo de proxectos para potenciar e fomentar o desenvolvemento rural da comarca lucense.