Galicia rexistra un total de 3.294 casos activos por coronavirus

Falecen unha muller de 85 anos que estaba ingresada no CHUAC e un home de 71 anos que estaba ingresado no CHUO

Un total de 12.438 pacientes xa están curados

A día de hoxe hai 3.167 pacientes en seguimento nos seus domicilios

O Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar a información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2020

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 3.294 deles 1.376 son da área da Coruña, 604 da de Lugo, 300 da de Ourense, 205 da de Pontevedra, 209 da área de Vigo, 473 da de Santiago, e 127 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 15 están en UCI, 112 en unidades de hospitalización e 3.167 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 12.438 persoas curadas, rexistrándose 638 falecementos. Os dous últimos foron o dunha muller de 85 anos que estaba ingresada no CHUAC e o dun home de 71 anos que estaba ingresado no CHUO. Ambos tiñan patoloxías previas.

O número de PCR realizadas é de 327.257.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

 

 
TOTAL GALICIA

DENTRO DO TOTAL, VINCULADOS CON CENTROS RESIDENCIAIS

NÚMERO DE CASOS
3.294
       101 usuarios
       47 profesionais
FALECEMENTOS
638
 135 en residencias
145 en hospitais e residencias integradas

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.


Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 2021 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no DOG do pasado 19 de agosto, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.