Sanidade limita na cidade de Lugo os aforos de hostalería e os asistentes a reunións

A decisión que xa foi comunicada ao concello, tomouse esta mesma mañá, logo da xuntanza do Subcomité clínico de expertos sanitarios, á vista da situación epidemiolóxica

Así mesmo establécense medidas especiais máis restrictivas para o barrio lugués da Milagrosa, así como para o concello coruñés de Arteixo que serán revisadas en cinco días

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2020

A Consellería de Sanidade vai implantar na cidade de Lugo unha serie de limitacións referidas aos aforos nos locais de hostalería e ao número máximo de persoas nas xuntanzas privadas. Ademais establece maiores restricións no concello de Arteixo así como no barrio lugués da Milagrosa. Así o anunciou esta mañá en rolda de prensa o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, logo da reunión do Subcómite clínico de expertos que se encarga de revisar a situación epidemiolóxica en Galicia.

Estas medidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia esta tarde e entrarán en vigor as 00:00 horas desta noite. Volverán revisarse en cinco días

Deste xeito, haberá limitación en Lugo das reunións privadas ata un máximo de 10 persoas; e redución do aforo ata o 50% nos comercios e hostalería, ademais de en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros. As residencias de maiores terán restricións de visitas e saídas de usuarios de residencias e co peche dos centros de día.

Cómpre destacar que no caso de celebracións como bodas, bautizos e comunións non poderán superar o 50 % do aforo do salón de banquetes nin o número máximo de 50 persoas para lugares pechados e de 100 persoas no caso de celebrarse en espazos ao aire libre, se ben este apartado da norma tardará tres días en entrar en vigor, polo que non afectarán aos eventos previstos para estar fin de semana.

A intención de Sanidade é poder actuar de xeito más selectivo e con maior rapidez ante a aparición de casos nunha zona concreta. É por isto que, fronte ás medidas adoptadas para toda a comunidade autónoma dende o principio da pandemia, quérese agora acoutar o máis posible, puidendo restrinxirse e regularse determinadas actividades xa non por áreas sanitarias, senón por concellos, cidades ou mesmo barrios.

Medidas especiais para o barrio da Milagrosa e para o concello de Arteixo

No caso do barrio da Milagrosa haberá restricións específicas, como son a limitación de reunións privadas ata un máximo de 5 persoas e a prohibición de que bares e cafeterías poidan servir no interior, limitándose a atender nas terrazas a grupos de 5 persoas. Os restaurantes poden servir no interior, a un máximo de 5 persoas por mesa.

As mesmas medidas serán obrigatorias tamén no concello de Arteixo, segundo determinou o subcomité clínico de expertos, logo de analizar a situación epidemiolóxica do municipio.

Imaxes relacionadas