A Xunta esixe ao Ministerio unha rápida actuación para o deporte non profesional e ofrece o traballo de Galicia que conta con protocolos específicos dende hai máis de dous meses

Denuncia o “triste asunto” do Real Club Deportivo de La Coruña e que prexudica a toda Galicia e ao deporte xeral sentando un “moi mal precedente”

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2020

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na xuntanza virtual de hoxe convocada polo Ministerio de Cultura e Deporte, para tratar a volta segura ás competicións deportivas non profesionais de ámbito estatal da tempada 2020/2021. Na súa quenda de palabra, o mandatario galego esixiu unha “rápida actuación para a competición non profesional de ámbito estatal” xa que hai federacións que xa teñen data de inicio marcada para setembro. Deste xeito, aplaudiu tanto a elaboración do protocolo marco, así como a creación dunha plataforma para a incorporación das comunidades ao GTID (Grupo de Tareas para o Impulso ao Deporte), dúas cuestións, dixo, “moi demandadas ao longo das últimas semanas”.

O secretario xeral ofreceu o traballo e o saber facer do deporte galego que, no ámbito das súas competencias, “preparou coas 58 federacións deportivas galegas protocolos específicos para cada especialidade a partir dun protocolo básico -FISICOVID-DXTGALEGO- posto a disposición do tecido deportivo galego o mesmo día que se levantaba en Galicia o estado de alarma”. Un traballo “arduo e intenso” que a Xunta remitirá ao CSD ao inicio da próxima semana a través das alegacións ao protocolo marco.

Nas súas verbas, o responsable do Deporte galego, advertiu que é fundamental “definir o ámbito obxectivo da norma porque precisa certeza e seguridade xurídica”. Así, apuntou que debe quedar claro se este protocolo será complementario ao protocolo básico de actuación para a volta aos adestramentos e o reinicio das competicións federadas e profesionais, vixente a día de hoxe.

Lete Lasa tamén indicou a súa preocupación ante a “eficacia e proporcionalidade” das medidas de prevención como as PCRs así como a problemática da “disgregación entre adestramentos e competición dos equipos”. Precisamente para paliar esta diferenza, o secretario xeral informou de que Galicia vén de aprobar unha Orde que permite a algúns grupos de deportistas e equipos adestrar e competir sempre que se cumpran os protocolos establecidos.

O secretario xeral para o Deporte quixo apuntar a necesidade de abordar o tema do aforo das instalacións do deporte profesional para evitar incoherencias e ter en conta que é unha das maiores fontes de ingresos dos clubs.

Cara a fin da súa intervención, Lete Lasa denunciou o “triste asunto” que concerne ao Real Club Deportivo de La Coruña e que prexudica a toda Galicia e ao deporte xeral sentando un “moi mal precedente”. O mandatario galego considerou que “se podía ter mellorado moito a xestión destas últimas semanas” porque a mensaxe é que “non hai consecuencias negativas para quen incumpre as normas”.

Imaxes relacionadas