O proxecto 'Edición limitada. Pazo do Faramello' fusionará música con obradoiros de cociña ao longo do mes de setembro

A iniciativa, que forma parte do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, foi presentada hoxe coa participación do secretario xeral de Política Lingüística

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2020

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación de Edición Limitada. Pazo do Faramello, un ciclo de cociña acompañado de concertos organizado por Inés Portela de Piombino State integrado no Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021.

As sesións comezarán o vindeiro 4 de setembro, cun concerto de piano de Manuel Gutiérrez ás 19,00 h. A seguinte será o domingo 20 e neste caso contará cun obradoiro de cociña ás 12,00 h. a cargo de Kike e Eloy da Horta do Obradoiro. Posteriormente, ás 19,00 h. terá lugar o concerto de Germán Díaz & Benxamín Otero. O ciclo pecharase o día 27, cando ás 12,00 os cociñeiros da Horta do Obradoiro compartirán o seu saber na materia, e ás 19,00 h. terá lugar a actuación de Faia. Cómpre destacar que todas estas citas contarán con visitas guiadas ao pazo antes de cada sesión.

Edición Limitada enmárcase no Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, unha das principais medidas do Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico da Xunta. A través desta medida, o Goberno galego busca preservar a actividade e o emprego no sector cultural, especialmente castigado pola crise sanitaria, así como xerar contidos de calidade a disposición dos galegos, tanto de xeito virtual como presencialmente.

Imaxes relacionadas