O director da Axencia Galega de Infraestruturas comunicou aos veciños o inicio do procedemento expropiatorio, eliminando a incerteza sobre a viabilidade da actuación

A Xunta somete a información pública o proxecto de construción da senda peonil e ciclista na estrada AC-214, en Sigrás, no Concello de Cambre

O orzamento da actuación superará os 835.000 euros, dos que 93.000 se destinarán ao pagamento das expropiacións das 21 fincas necesarias para a súa execución

Os interesados poden presentar as súa achegas ao proxecto ata o día 9 de outubro

Executarase un itinerario duns 720 metros de lonxitude, desde a intersección coa AC-213 e a N-550, nos núcleos da Telva, A Xira e A Pena de Sigrás de Abaixo

O itinerario adaptará a súa configuración ás edificacións existentes nas marxes da estrada e ampliarase a calzada entre os puntos quilométricos 8+860 e 9+280, acondicionando nas zonas que sexa posible banda de aparcadoiro

A Xunta desbloquea esta actuación ao darse por descartado o cumprimento do compromiso por parte do Concello para poñer á disposición da Administración autonómica todos os terreos necesarios para a execución das obras

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o procedemento polo que se somete a información pública o proxecto de construción da senda peonil e ciclista na estrada AC-214, en Sigrás, ao seu paso polo concello de Cambre.

Esta actuación suporá un investimento estimado de algo máis de 835.000 euros, dos que máis de 93.000 se destinarán ao pagamento das expropiacións das 21 fincas necesarias para executar o novo itinerario na vía autonómica.

O prazo de presentación de achegas ábrese o vindeiro luns 31 e prolóngase ata o vindeiro 9 de outubro. No seguinte enlace pode consultarse a información: https://xurl.es/21n0a .

O obxectivo desta intervención é a mellora da mobilidade peonil e da seguridade viaria na estrada AC-214, coa construción dunha senda, fundamentalmente peonil, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 8+500 e 9+260, desde a intersección tipo glorieta coa AC-213 e a N-550, dentro dos núcleos da Telva, A Xira e A Pena de Sigrás de Abaixo.

Segundo o proxecto redactado polo departamento de Infraestruturas da Xunta, o novo itinerario, duns 720 metros de lonxitude, contará con pavimento de formigón e unha sección variable adaptada á configuración da estrada, que conta con edificacións nas súas marxes. En calquera caso, garántese a accesibilidade mediante unha sección mínima de 1,80 metros, máis 20 centímetros de bordo transitable de separación da calzada.

Ademais, ampliarase a calzada entre os puntos quilométricos 8+860 e 9+280, xa que a actual sección é insuficiente, e conseguiranse dous carrís de 3 metros e beiravías de 0,5 metros. Nas zonas nas que sexa posible acondicionarase banda de aparcadoiro.

Entre os traballos que se van acometer destaca a conformación da explanada ampliada para calzada e senda, coas demolicións, roza e movemento de terras precisos, así como a execución de 5 muros de formigón armado e muretes de mampostería nos bordes da estrada para contención de terras.

A intervención complétase coa execución da necesaria drenaxe, sinalización vertical e horizontal, balizamento e defensas e acondicionamento de dúas das paradas de bus.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, remitiu hoxe mesmo unha carta aos veciños desta parroquia para darlle traslado do inicio do procedemento expropiatorio co sometemento a información pública do proxecto, eliminando de modo definitivo a incerteza acerca da viabilidade da actuación.

A Xunta desbloquea este proxecto ao darse por descartado o cumprimento do compromiso por parte do Concello de Cambre de poñer á disposición da Administración autonómica todos os terreos necesarios para a execución das obras, pese ás reiteradas e sucesivas propostas de colaboración trasladadas á entidade local para impulsar as obras.