A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta tarde os participantes nesta actividade

O campo de voluntariado das Illas Cíes difunde entre a mocidade o coidado polo medio ambiente

Mozas e mozos entre os 18 e os 30 anos participan nesta iniciativa, que forma parte da Campaña de Verán

Vigo, 27 de agosto de 2020

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta tarde nas Illas Cíes o grupo de mozas e mozos que participan no campo de voluntariado que se está a desenvolver. Esta é a terceira quenda do campo centrado no coidado do medioambiente.

Esta última quenda comezou o pasado día 17 e rematará mañá. As mozas e mozos participantes, con idades comprendidas entre os 18 e os 30, colaboran nas labores de mantemento da illa, vixilancia de incendios, nas labores de información e sensibilización do visitante, así como na mellora do parque.

Ademais disto, tamén desfrutan doutro tipo de actividades de ocio e lecer como dinámicas de grupo, obradoiros, roteiros, reunións temáticas ou actividades deportivas e acuáticas.

Cómpre lembrar que a Consellería de Política Social ofertou neste verán 348 prazas nun total de 29 campos de voluntariado para maiores de 18 anos por todo o territorio galego. Todas as actividades desta campaña seguen as medidas de prevención fronte á covid-19 fixadas polas autoridades sanitarias co fin de garantir a seguridade de todas as persoas participantes.

En total, a Campaña de Verán deste ano, que leva por título O verán que necesitas, pon á disposición da mocidade 6872 prazas en diferentes actividades e campamentos, que se prolongarán ata comezos do mes de setembro.

Imaxes relacionadas