A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, xunto co alcalde, José Luis Pérez, supervisou o itinerario do que veciños e turistas desfrutan desde xa hai unhas semanas

Ethel Vázquez destaca o investimento de 330.000 euros na senda peonil e ciclista que conecta Laxe e o paseo marítimo facendo a estrada AC-429 máis segura para os usuarios vulnerables

O itinerario, duns 800 metros, conecta a zona deportiva, educativa e de lecer de Cabo da Area, centro de equipamentos do municipio, coa propia vila

Executouse en 2 treitos, comezando o tramo principal polo extremo da praia, na marxe dereita da estrada, ata a entrada da vila, e un segundo paralelo ao Rego dos Cabalos que conecta co paseo marítimo e o carril bici existente

O itinerario na AC-429 enmárcase no Plan de Sendas da comarca de Bergantiños, que inicialmente recollía a construción de case 11 km de itinerarios peonís e ciclistas cun investimento duns 5 millón de euros

Ethel Vázquez destaca que xa se está a traballar en novos itinerarios, como as dúas sendas nos núcleos de Soesto e Serantes, en Laxe, ao longo da antiga traza da estrada AC-433, para as que xa está adxudicada a redacción do proxecto

Sinala que xa se executaron 6 das 7 sendas inicialmente previstas: Laxe, Ponteceso e Malpica, Neaño-A Carballa, en Cabana, ás que se engaden as 3 da estrada AC-552

Laxe (A Coruña), 27 de agosto de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, destacou hoxe o investimento de 330.000 euros na senda peonil e ciclista que conecta Laxe e o paseo marítimo facendo a estrada AC-429 máis segura para os usuarios vulnerables.

Vázquez Mourelle, acompañada polo alcalde, José Luis Pérez Añón, supervisou hoxe sobre o terreo o resultado final deste novo itinerario mixto na estrada autonómica que conecta Laxe e Ponteceso, co que se busca mellorar a mobilidade, favorecer os desprazamentos cotiás dos veciños e reforzar a súa seguridade viaria.

Para iso, tal e como explicou a titular de Infraestruturas en funcións, construíuse un itinerario de 800 metros de lonxitude, que permite a conexión entre a zona deportiva, educativa e de lecer de Cabo da Area, coa propia vila de Laxe.

A senda ten 2 treitos diferenciados, cun tramo principal que se inicia no extremo da praia de Laxe e continúa pola marxe dereita da estrada ata a entrada da vila, onde conecta coas beirarrúas existentes. Este tramo conta con espazo diferenciado para peóns, de 1,80 metros de ancho, e para ciclistas, en formigón coloreado.

O itinerario complétase cun pequeno ramal de preto de 250 metros, que discorre en paralelo ao Rego dos Cabalos, por ambos os dous lados. Aquí executouse unha senda mixta que conecta o itinerario principal co paseo marítimo e co carril bici xa existente.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade en funcións subliñou que con esta actuación dáse cumprimento ao comprometido ante o rexedor municipal hai un ano coincidindo coa licitación das obras e permitindo, xa desde hai unhas semanas, que veciños e turistas poidan desfrutar deste novo itinerario.

A conselleira sinalou que a nova senda na AC-429 está incluída no Plan de Sendas deseñado desde a Xunta para a comarca de Bergantiños que, inicialmente, recollía a execución de 7 itinerarios, cun investimento autonómico global próximo aos 5 millóns de euros. Estas actuacións están cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Apuntou que neste intre, incluído o novo itinerario de Laxe, son 6 as sendas xa executadas: 3 delas na estrada AC-552, restando unha cuarta senda, entre Carballo e Coristanco, que se espera poder licitar a finais de ano. E están tamén rematadas as sendas de Ponteceso e Malpica, ademais da de Neaño-A Carballa, en Cabana.

Incidiu en que estes 7 itinerarios recollidos inicialmente no Plan de Sendas permiten poñer á disposición dos veciños e visitantes desta comarca case 11 km de sendas peonís e ciclistas “seguras, sostibles e integradas na paisaxe, que favorecen unha mobilidade moito máis segura para as persoas e que, sen dúbida, propician tamén unha mobilidade máis respectuosa co medio ambiente”, remarcou.

Ethel Vázquez subliñou que o departamento que dirixe está xa a ampliar o Plan de Sendas na comarca e a traballar en novos itinerarios: avanzou que xa se ten adxudicada a redacción do proxecto doutras dúas sendas nos núcleos de Soesto e Serantes, en Laxe, ao longo da antiga traza da estrada AC-433.

Imaxes relacionadas