A conselleira do Mar en funcións visitou as obras de acondicionamento da contorna portuaria de Porto do Son

A Xunta inviste catro millóns de euros na remodelación integral do bordo portuario do Concello de Porto do Son

As actuacións afectan a un total de 26.000 metros cadrados da franxa marítima e contan cun prazo de execución de 18 meses

Porto do Son (A Coruña), 26 de agosto de 2020

A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, visitou hoxe as obras de remodelación integral do bordo portuario de Porto do Son, nas que o Executivo galego investirá catro millóns de euros e que suporán a intervención nunha superficie total de 26.000 metros cadrados ao longo de toda a franxa marítima da localidade. A representante da Xunta salientou a importancia destas melloras, que contan cun prazo de execución de 18 meses e que pretenden favorecer a integración do porto na vila facilitando o labor dos usuarios do peirao e facendo a zona máis atractiva para os veciños e visitantes.

O obxecto fundamental desta actuación, promovida por Portos de Galicia, é humanizar o bordo portuario e abrir o municipio ao mar, de xeito que se creen amplas zonas para o aproveitamento e desfrute dos veciños na franxa litoral. A actuación inclúe a habilitación de varias zonas de integración porto-cidade, a reorganización das vías de circulación (cun novo trazado e novos materiais de execución) e a creación dun edificio de servizos náuticos e portuarios nas inmediacións do dique.

A titular de Mar en funcións, que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, destacou que a remodelación da fachada marítima permitirá un cambio moi destacable no aspecto do bordo portuario pois todas as rúas que cruzan a vila cara ao porto quedarán rematadas en pavimento de pedra para mellorar a súa integración co propio espazo portuario. A maiores, a obra inclúe unha rotonda en pedra á que se trasladará o emblemático hórreo de Porto do Son.

A representante do Executivo galego subliñou que todas as actuacións de Portos de Galicia buscan dar servizo ao porto, pero tamén facer que a súa contorna sexa agradable para os usuarios e incidiu en que no caso de Porto do Son se manterá a súa esencia, conservando os seus sinais patrimoniais e de identidade, ao tempo que se converterá nunha vila máis humana e accesible para os veciños e visitantes. Os traballos no bordo portuario da localidade buscan tamén contribuír a xerar emprego e riqueza na zona pois mellorarán os servizos aos usuarios e aumentarán o seu interese e o seu atractivo turístico.

Imaxes relacionadas