A Xunta distribúe novo material de protección para o persoal de residencias e centros sociais da provincia de Lugo

Este novo envío, o vixésimo segundo que realiza a administración autonómica, eleva a máis de 1,6 millóns as unidades repartidas, especialmente luvas e máscaras así como outro material de desinfección

Lugo, 26 de agosto de 2020

Esta semana o Goberno galego envía una nova partida de material aos centros sociais da provincia de Lugo integrada por máis de 89.400 unidades de protección individual que se distribuirán entre unha vintena de residencias de maiores, de discapacidade, de menores e igualdade luguesas.

Así, este novo envío, o vixésimo segundo desde que comezou a pandemia e se declarou a crise sanitaria, suporá a distribución de 41.500 luvas, 43.000 máscaras, 148 mandís, 2000 gorros, 446 batas, 2500 calzas e 32 pantallas faciais, así como 392 botes de xel hidroalcohólico e 144 garrafas de desinfectante.

Con estas achegas o Goberno galego busca garantir a axeitada protección dos profesionais que traballan nestas entidades de atención e coidado aos colectivos máis vulnerables ao coronavirus e reforzar a seguridade e apoio a estes centros para previr e reaccionar ante o virus.

Así, desde que se decretou o estado de alarma, a Xunta de Galicia leva distribuído 22 partidas de material integradas por preto de 1,6 millóns de unidades de protección individual a centros de titularidade pública e privada da provincia. Entre os beneficiarios atopamos todo tipo de instalacións desde residencias de maior ou menor tamaño ata centros de día, apartamentos tutelados, vivendas comunitarias ou centros de acollida, entre outros.

Imaxes relacionadas