A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou os participantes nestas iniciativas enmarcadas na Campaña de Verán
Os campos de voluntariado de Ribadavia e Esgos impulsan entre a mocidade o coidado polo patrimonio cultural e etnográfico
Mozas e mozos entre os 18 e os 30 anos participan nestas actividades
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañou esta mañá aos grupos de mozas e mozos que participan nos campos de voluntariado que están tendo lugar en Ribadavia e no concello de Esgos. Alí destacou o importante labor de preservación do patrimonio cultural e etnográfico que están a realizar as mozas e mozos participantes.
No campo de voluntariado de Ribadavia, chamado O noso rural, a nosa Istoria, estanse a celebrar diferentes actividades como obradoiros de cestería, xogos e baile tradicional. Ademais, os participantes na iniciativa teñen a oportunidade de coñecer de primeira man esta zona ourensá con visitas a artesáns locais, e bodegas ou ás termas.
Pola súa banda, en Esgos as actividades estanse a realizar nos arredores do Albergue de Vilar de Ordelles. Así, o campo de voluntariado pon ás persoas voluntarias en contacto coa Ribeira Sacra ourensá. Tamén os achega á historia do propio concello a través da recompilación de material audiovisual sobre o pasado de Esgos para a creación dunha exposición no Centro Cultural Parada de Justel.
En senllas iniciativas as mozos e mozas tamén contan con actividades de ocio e lecer como veladas nocturnas; piscina; práctica de deportes como o tiro con arco; así como visitas pola contorna.
Campaña de verán
A Consellería de Política Social oferta neste verán 348 prazas nun total de 29 campos de voluntariado (incluíndo as tres quendas de Cíes) para maiores de 18 anos por todo o territorio galego. Todas as actividades desta campaña seguen as medidas de prevención fronte á covid-19 fixadas polas autoridades sanitarias co fin de garantir a seguridade de todas as persoas participantes.
En total, a Campaña de Verán deste ano, que leva por título O verán que necesitas, pon á disposición da mocidade 6872 prazas en diferentes actividades e campamentos, que se prolongarán ata comezos do mes de setembro.